En Marea esixe no Congreso a recuperación da memoria das vítimas do franquismo

Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino presentaron varias iniciativas para restaurar a dignidade daquelas persoas que só defendían a democracia.
Por o 05/11/2016 | Sección: En Marea,Política,Vigo
En Marea esixe no Congreso a recuperación da memoria das vítimas do franquismo

En Marea continúa a traballar cos diferentes colectivos e asociacións que levan tempo mobilizándose para restaurar a dignidade da xente que foi represaliada en Galicia e no resto do estado tralo golpe militar do 36. Así, os representantes de En Marea no Congreso dos Deputados, froito desta colaboración, veñen de presentar varias iniciativas parlamentarias que defenderán na Cámara Baixa.

O deputado Antón Gómez-Reino destacou hoxe que debemos “traballar pola redacción e aprobación dunha Lei de Vítimas do Franquismo que equipare a todas esas persoas que foron represaliadas coas vítimas do terrorismo de estado”.

A este respecto, Gómez-Reino sinalou que “moitas veces queremos equipararnos coas democracias máis avanzadas e sen embargo somos recriminados polos organismos internacionais a respecto do tratamento que lle damos á nosa historia máis recente, sobre a que intentamos correr un tupido velo”.

De feito, hai pouco – continúa o deputado de En Marea –  “o relator oficial para España de Nacións Unidas volveu ruborizar ao Estado español por diferentes cuestións a este respecto, cuestionando a deficiente reparación que da historia das persoas vencidas se está a facer no noso país”.

A iniciativa presentada por En Marea pretende acadar a anulación das sentenzas ditadas contra as persoas defensoras da orde constitucional en Galicia tralo golpe militar do 36 e contra todas as vítimas do franquismo. Yolanda Díaz manifestou que, por unha banda, “débese facer unha defensa dos dereitos individuais das vítimas en sentido extenso, recoñecer a súa dignidade e todos aqueles recoñecementos que aínda están sen facer, e pola outra, temos que reconstruír a historia das vencidas e dos vencidos que defenderon a legalidade republicana”.

Díaz Pérez destacou que existe “unha eiva de fondo no noso estado, temos un baleiro histórico entre o texto constitucional do 31 e o do 78, que para nada bebe das fontes do texto anterior”. A deputada de En Marea sinala que “hai un buraco negro na historia no que nin sequera de maneira formal se quere recoller a lexitimidade daquel réxime que, insistimos, foi absolutamente legal y por suposto lexítimo”.

Finalmente, Yolanda Díaz sentencia que “temos unha débeda democrática profunda coa chamada Lei de Memoria Histórica, xa que aínda que todas as asociacións instaban á declaración de nulidade das sentenzas dictadas no franquismo, non fomos aínda quen de acadalo”. A lei só fai “un recoñecemento xeral declarando que as sentenzas e os tribunais que as ditaron carecían de lexitimidade e eran inxustos”.

A iniciativa presentada por En Marea no Congreso dos Deputados afirma que a sublevación militar do mes de xullo do 36 triunfou rapidamente en Galicia e a partir do mes de agosto dese ano desencadeouse unha terrible represión que acabou coa vida de millares de persoas, paseadas nas cunetas sen formación de causa, a raiz dos maltratos e as malas condicións nos cárceres, ou por sentencias ditadas en consellos de guerra.

Pese a que en Galicia non existiu guerra civil, ao redor de 5000 persoas foron asasinadas e morreron pola violencia da represión franquista. Baixo acusacións manifestamente falsas, moitas foron condeadas a morte, acusadas de delitos de rebelión militar e traición.

Os consellos de guerra seguíronse pola xurisdicción militar, incluso para os civís, e careceron de garantías xurídicas como o dereito á defensa, en terribles condicións de vulneración de dereitos, torturas e coaccións.

É por iso que é máis que necesaria a anulación destas sentenzas, para restablecer dunha vez por todas a dignidade das vítimas do franquismo.

Una respuesta para "En Marea esixe no Congreso a recuperación da memoria das vítimas do franquismo"

  1. Gamela   05/11/2016 at 17:43

    Unha boa maneira de “non facer nada” nesta lexislatura (e cobrar coma deputados) !

    Se queren en serio facer algo poden comezar polo ano 1975 https://flic.kr/p/MDiYB6

    E deixar os mortos do 36 descansar en paz… ?