En Marea esixe que o Parlamento de Galicia se posicione fronte aos atrancos que o Estado impón á remunicipalización dos servizos públicos

Os vicevoceiros do grupo Carmen Santos e Antón Sánchez García denuncian que a aportación dos orzamentos aos concellos baixe ata en cinco puntos porcentuais e apoian as reclamacións da FEGAMP.
Publicado por o día 11/04/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea esixe que o Parlamento de Galicia se posicione fronte aos atrancos que o Estado impón á remunicipalización dos servizos públicos

O grupo parlamentario de En Marea denuncia as trabas que a Administración central impón aos concellos que traballan para recuperar a xestión directa dos servizos que se foron privatización. Prestacións básicas para a cidadanía como a xestión das augas das que agora son responsables concesionarias “atrápao todo”.

Os vicevoceiros de En Marea sinalan que os Orzamentos de Estado limitan a capacidade dos concellos para incorporar persoal laboral, ademais de “ameazar” aquelas administracións que decidan apostar por este modelo: o dunha xestión pública non rexida polos intereses das grandes empresas concesionarias “cuxo único mérito son as boas relacións co PP”, segundo Sánchez. Carmen Santos sinalou que, segundo a versión do goberno estamos nun “escenario de recuperación económica, redúcese a aportación ás administracións máis próximas nun 1,8%, mentres que se incrementa o gasto nun 2,9%, polo que os concellos disporarán dun 5% menos de orzamentos fronte a outras administracións.

Por todo isto, En Marea pide ao Parlamento de Galicia que se posicione en contra deste ataque á autonomía local dos concellos que agrava os límites xa impostos pola Lei 27/2013 de racionalización e sostenibilidade da administración local, que fomentaba a supresión e privatización de servizos municipais.
En Marea mostra así o seu apoio a tódalas administracións que buscan acabar cun “modelo de negocio que move en todo o Estado arredor de 40 mil millóns de euros” e que funciona grazas á redución de custos laborais e ao deterioro nos servizos prestados.

En Marea apoia as reivindicacións da FEGAMP
O grupo parlamentario respalda as queixas da Federación Galega de Municipios e Provincias, que denuncian que os concellos galegos reciben do Estado 50 euros menos por habitante en relación coa media española.

En Marea pregúntase tamén que fixo o goberno de Alberto Núñez Feijóo para cumprir co mandato do Parlamento de Galicia, que en abril de 2015 acordou por unanimidade reclamar un cambio no modelo de financiamento dos concellos por parte do Estado. O deputado Antón Sánchez teme que “non moveu un dedo” porque Feijóo está só para garantir o negocio das empresas que viven dos servizos públicos.