En Marea esixe que se aprobe xa o Plan de Prestación do Servizo Postal Universal

Yolanda Díaz comprometeuse a seguir traballando a prol dunha mellora das condicións do persoal de Correos.
Publicado por o día 19/07/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea esixe que se aprobe xa o Plan de Prestación do Servizo Postal Universal

A voceira de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz reuniuse esta mañá con representantes do sindicato CGT de Correos, para coñecer de preto a difícil situación que están a vivir as e os traballadores da empresa pública após os últimos recortes orzamentarios do Partido Popular.

Así, os representantes dos traballadores informaron a En Marea da “drástica reducción de plantilla dos últimos anos, onde se perderon ata 16.000 postos de traballo. Isto conleva, segundo denuncia o sindicato CGT, á explotación laboral que sofre a plantilla, xa que ademais de ser menos, unha parte dos funcionarios que traballan en Correos pasan a traballar nos Ministerios, co que se producen movementos de fluxo cara outros departamentos. A mingua da plantilla tamén se ve afectada polas xubilacións do persoal e que ao persoal eventual non se lle dá a posibilidade de entrar.

Outras das problemáticas abordadas na xuntanza foi o recorte orzamentario, que como lembrou Yolanda Díaz, a partida destinada ao Servizo Postal Universal pasou de 180 a 120 millóns de euros, o que supón un recorte de 60 millóns con respecto ao exercicio anterior. A isto hai que engadir un recorte de 500.000 euros máis trala aprobación da emenda presentada polo Grupo Parlamentario Mixto, a través de Foro Asturias, para a “redacción do proxecto acordado pola Sociedade Xixón Ao Norte” con cargo ao programa 491N Servizo Postal Universal do Ministerio de Fomento.

A partida resultante tras os recortes indicados aboca a Correos, a maior empresa pública de España, tal e como destaca a voceira de En Marea, a finalizar o ano, previsiblemente, con perdas, xa que esta cifra está moi afastada dos 290 millóns de euros que Correos calcula que necesita para prestar o Servizo Postal Universal.

Na reunión celebrada hoxe no Congreso, tanto os deputados do Grupo Confederal como os representantes sindicais lembraron que existen solucións a medio e corto plazo para tratar de mellorar a situación de Correos pasarían pola necesidade urxente de poñer en valor a utilidade pública do traballo de carteira e carteiro e garantir a prestación do servizo público.

Asimesmo falouse da posibilidade de crear, a partir da empresa empresa pública Correos, unha Caixa Pública Postal ao servizo da cidadanía, que poña en valor o servizo público de Correos e que, ao mesmo tempo, garanta a accesibilidade bancaria fronte ao modelo de especulación e estafa aos usuarios/as. En definitiva, a Caixa Pública Postal contribuiría á cohesión territorial e ao desenvolvemento económico no rural.

Reunión coa Subsecretaría de Fomento
Yolanda Díaz informou hoxe aos representantes dos traballadores de Correos que xa solicitou xuntanza coa Subsecretaria de Fomento o pasado mes de xuño, para coñecer a situación actual da elaboración do Plan de prestación do Servicio Postal Universal, sen embargo a día de hoxe non se recibiu resposta á mesma. Neste eido, Díaz rexistrou unha pregunta hai uns días para coñecer quen formará parte do grupo de traballo que elaborará o Plan, e se se contará para o mesmo coa participación das representantes das traballadoras.

Díaz Pérez lembrou que a Comisión de Fomento ven de aprobar unha Proposición non de Lei de En Marea relativa á elaboración do citado plan, polo que o Congreso instaba ao Goberno a a renovar as negociacións cos representantes das traballadoras e os traballadores de Correos para alcanzar un acordo e aprobar un novo Convenio Colectivo, que afecta a 57000 empregados públicos, alcanzando ao longo do ano 2017, un novo pacto colectivo cos traballadores que busque, entre outras cousas, garantir a taxa de reposición, a estabilidade no emprego mediante convocatorias de consolidación nos próximos anos, o rexuvenecemento do persoal, a garantía e mellora das condicións laborais, en particular, a mobilidade dentro do sector público do persoal de Correos, tanto laboral como do funcionariado, e un pacto salarial que, ademais de buscar recuperar o salario perdido nos últimos anos, responda á singularidade da compañía pública.

En segundo lugar, acordouse aprobar un novo plan de prestación do Servizo Postal Universal contando co persoal na negociación do mesmo, dotándoo dos recursos necesarios para que o servizo postal teña, realmente, carácter universal, diario e garanta os dereitos da cidadanía a gozar do mesmo, con especial atención ás zonas rurais.

E finalmente, aprobouse deseñar e aprobar, no prazo máximo de seis meses, un Plan Estratéxico para aumentar a competitividade e garantir a viabilidade da Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos, S. a. Este Plan debe conter, entre outros elementos, a diversificación a través de actividades como: paquetería, servizos financeiros, retail, dixital, etc. Deberá contar na súa elaboración coa participación dos representantes dos traballadores, e cos grupos políticos representados no Congreso dos Deputados.

Aínda así, Díaz comprometeuse a seguir a traballar na defensa do persoal de Correos, e así confirmou que nos vindeiros días rexistrará varias preguntas dirixidas ao Goberno e, en canto dea comezo o novo periodo de sesións En Marea tamén presentará outras iniciativas no Congreso dos Deputados.