En Marea esixe que se coñeza a verdade sobre o accidente do Alvia

Luís Villares pide que despois de “coñecer a verdade se depuren todas as responsabilidades, desde as técnicas ás políticas”.
Publicado por o día 24/07/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea esixe que se coñeza a verdade sobre o accidente do Alvia

En Marea quere que remate xa a “vergoña” de non saber que pasou co accidente do Alvia catro anos despois de que este tivese ocorrido. Luís Villares, voceiro de En Marea, e Alexandra Fernández, deputada no Congreso, reclamaron minutos antes do inicio da manifestación que dunha vez se saiba a verdade e se faga xustiza ao tempo que esixiron que o sistema de seguridade prometido se instale na curva da traxedia.

O voceiro de En Marea, Luís Villares, sinalou que despois de catro anos “nos que as vítimas e a sociedade non deixaron de reclamar a verdade, agora rematase a vergoña de non saber o que pasou”. Villares explicou que todo o mundo “ten dereito a saber”, “as vítimas e a sociedade teñen dereito a saber, en primeiro lugar para que non se repita, en segundo lugar para que poida haber novas condicións de seguridade”. En terceiro lugar, o voceiro de En Marea preguntou de quen son “as responsabilidades do accidente, se foi unha cuestión económica, se foi neglixencia ou que que foi”. Villares engadiu que isto “non o vai reparar unicamente unha sentenza penal porque responsabilidades técnicas, responsabilidades políticas e todas elas van despois da primeira cuestión de todas: a verdade”.

Luís Villares considerou que é “incríble” que “despois de catro anos esteamos reclamando isto e se estamos máis cerca de conseguilo, pero é grazas á xente que desde o primeiro momento estivo loitando porque fose posible, En Marea estará sempre coas vítimas e con toda a sociedade para conseguir que se saiba a verdade porque estamos aquí grazas á xente que non se resigna ás mentiras do Partido Popular”.

Alexandra Fernández

A deputada por En Marea no Congreso, Alexandra Fernández,  explicou que En Marea “leva defendendo desde o principio a necesidade dunha comisión de investigación e conseguila converteuse nunha auténtica carreira de obstáculos, por iso queremos salientar o traballo da plataforma das vítimas porque sen eles non se chegaría ata aquí”. As víctimas levan catro anos pedindo a verdade, segundo explicou Alexandra Fernández “e nós levamos catro anos apoiando as súas peticións porque, ademais de non facerlles casos, o PP trátaos mal en todas as actividades que realizan”.

Para Alexandra Fernández, ademais de que o PP leve catro anos negándose á comisión e obstaculizando ás peticións das vítimas “acabamos de saber que o sistema ERTMS que “tiña que estar instalado para evitar o accidente e non o estaba, segue sen estar instalado catro anos despois”. Fernández indicou que hai dous anos que “se licitou” e, cando menos, “xa leva seis meses de retraso e o goberno parece que non quere darlle máis seguridade a esa curva”. Alexandra Fernández sinalou que En Marea ten presentadas unha batería “de preguntas no Congreso para que Fomento diga as datas de cando se vai a instalar este sistema”.