En Marea esixe á Xunta que cumpra o acordo aprobado no Concello de Marín para acabar coa inseguridade da estrada PO- 551

O viceportavoz de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, comprometeuse a trasladar ao Parlamento de Galicia esta cuestión ante a inacción da alcaldesa popular de Marín, María Ramallo, por esixir a instalación do paso de peóns, a construción de beirarrúas e que se reduza a velocidade nesta vía.
Publicado por o día 30/09/2017 na sección de En Marea,Galicia,Marín,Política

En Marea esixe á Xunta que cumpra o acordo aprobado no Concello de Marín para acabar coa inseguridade da estrada PO- 551

O viceportavoz de En Marea no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, achegouse esta mañá ao concello de Marín para coñecer de primeira man e escoitar aos veciños e veciñas que denunciaron a inacción tanto por parte do Concello como da Xunta de Galicia para poñer fin a situación de perigosidade á que se enfrontan diariamente na estrada PO-551.

O deputado de En Marea lamentou a falla de dilixencia amosada pola alcaldesa en Marín, María Ramallo, do Partido Popular que non está a cumprir coa súa obriga e esixir o cumprimento dos acordos aprobados por unanimidade no Concello como a moción presentada pola Marea veciñal de Marín na que se esixía a Xunta, titular da vía, a instalación dun semáforo con pulsador diante do colexio, a instalación dun paso de peóns, a redución do límite de velocidade nesta estrada e a construción de beirarrúas.

“É inadmisible que non se estea a dar resposta a esta situación, e máis cando está incluído no programa de mobilidade Move” afirmou Antón Sánchez que denunciou que as condicións da estrada PO-551 non se adaptan á realidade da densidade de circulación e poboación o que provoca un alto perigo para a veciñanza.

O concelleiro da Marea veciñal de Marín, Aaron Franco, lembrou a aprobación por unanimidade da moción que o seu grupo rexistrou no Concello en setembro de 2015 e que a día de hoxe segue sen ser atendida. Denunciou ademais a descoordinación absoluta entre o executivo do Concello de Marín e a Xunta de Galicia no relativo a seguridade viaria que está a provocar unha situación de inseguridade inadmisible e que tivo tráxicas consecuencias como o accidente na PO-313 no que perdeu a vida unha persoa”.

A portavoz da Asociación veciñal O Pombo, María Santiago, pola súa banda incidiu na necesidade de que as reclamacións veciñais en materia de seguridade sexan atendidas xa que asegurou a densidade de tráfico dificulta moitísimo que os veciños e veciñas poidan cruzar sen arriscar a súa integridade física.