En Marea esixe á Xunta de Galicia que non autorice batidas ao lobo en Galicia

O deputado Marcos Cal traslada o apoio do grupo ás peticións formuladas polos colectivos ecoloxistas e animalistas e denuncia o contraproducente desta medida para a convivencia entre o home e o lobo.
Por o 06/02/2017 | Sección: En Marea,Política,Vigo
En Marea esixe á Xunta de Galicia que non autorice batidas ao lobo en Galicia

O grupo parlamentario de En Marea súmase á petición dos colectivos ecoloxistas e animalistas para que a Xunta de Galicia non autorice batidas ao lobo, que como sinalou o deputado Marcos Cal, “non serven para solucionar o conflito denunciado en varios Concellos e que xorden como resposta ao fracaso das políticas de xestión e conservación do lobo por parte da institución galega“. Desde En Marea entenden que estas batidas son contraproducentes para o obxectivo da convivencia en armonía entre o home e o lobo, xa que os estudos indican que as batidas poden desestabilizar as manadas provocando ataques ao gando e poñendo en risco a conservación da biodiversidade e os ecosistemas.

“Unha sociedade comprometida coa conservación da diversidade biolóxica debe buscar e desenvolver fórmulas realistas e eficaces para acadar a correcta xestión dos recursos naturais e a ecuanimidade social“ defendeu Marcos Cal. A Xunta debe polo tanto protexer ás gandeiras dando resposta inmediata ante calquera incidencia, taxando debidamente ao gando que poida verse afectado por un ataque dun cánido, que rara vez é un lobo, xa que estes prefiren as presas salvaxes, non así os cans que si prefiren as presas domésticas.

O grupo parlamentario defende tamén que a Xunta debe facer o pagamento de maneira áxil, para o que conta con axudas europeas, tendo en conta o valor real do animal cousa que non está a acontecer. Ao mesmo tempo é preciso descatalogar o lobo como especie cinexética e favorecer a convivencia con medidas preventivas e a profesionalización do sector. O lobo é unha especie en situación de vulnerabilidade, que autorregula a súa dispersión e de vital importancia na conservación do noso ecosistema, leva habitando dende sempre os nosos montes e é responsabilidade nosa protexelo.

A Xunta de Galicia debe conxugar a defensa dos gandeiros e das persoas que vive nas zonas de incidencia dos ataques coa protección dos valores naturais dando resposta con medidas eficaces propias deste século, “e non seguir coas políticas de non facer nada e permitir as batidas que, como no caso da recente batida en Friol, resultou un espectáculo desastroso cheo de irregularidades que rematou coa morte dun can, o que é moi significativo da realidade da situación.

O grupo parlamentario rexistrou no Parlamento de Galicia diversas iniciativas nas que solicita á Xunta información relativa aos datos científicos nos que se apoia o Goberno galego para autorizar as batidas e que informes aconsellan acometer batidas ao lobo nos concellos de Friol e Guitiriz. Así mesmo, En Marea pregunta á Xunta polas medidas que está a tomar para a conservación e convivencia do lobo en Galicia e se conta con datos sobre a situación na que se atopa no noso país.