En Marea esixiralle á Xunta que explique por que prioriza a institucionalización de menores fronte ao acollemento en unidades familiares

Solicitaranse visitas aos centros de menores para coñecer de cerca as condicións nas que medran estes nenos e nenas.
Publicado por o día 20/10/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea esixiralle á Xunta que explique por que prioriza a institucionalización de menores fronte ao acollemento en unidades familiares

Esta mañá as deputadas de En Marea Paula Vázquez Verao e Eva Solla mantiveron unha xuntanza coa Asociación Galega de Acollemento de Familia Externa do Menor (AGAFEM) para coñecer as preocupacións deste colectivo coas políticas sociais que está aplicando a Xunta con respecto ao acollemento de nenos e nenas que non poden medrar cos seus proxenitores, fomentando o recurso de centros privado-concertados fronte á recomendación de favorecer o crecemento na contorna familiar.

Dende AGAFEM denuncian que no último ano se deron de baixa máis de 50 familias ás que non lles concederon menores en acollemento dende hai máis de dous anos e que a Xunta exerce un preocupante oscurantismo con respecto á normativa, sen explicar nin argumentar os motivos polos que se denegan acollementos e axudas. Engaden ademais que ás familias que percibien unha PNC ou RISGA (Renta de Integración Social), “aconséllaselles” non solicitar a remuneración á que teñen dereito por menor porque se lles descontaría da pensión”, que tampouco perciben os fogares con ingresos superiores aos 600 euros mensuais.

MAIOR CUSTE PARA  A ADMINISTRACIÓN

En Marea pedirá no Parlamento Galego a comparecencia do Conselleiro de Políticas Sociais para que aclare  por que as contías máis elevadas van destinadas ao centros, onde cada menor ten un custe estimado para a administración de entre 1.500 e 2.500 euros mensuais por praza, aínda que estas non sexan ocupada, e non para o acollemento familiar, que se remunera coa contía máis baixa de todo o Estado, 240 euros ao mes por neno e familia.

Fronte a este trato discriminatorio coas familias acolledoras, En Marea propón un modelo que priorice o benestar do menor e unha actualización da normativa que teña en conta as especificades de Galicia permitindo unha maior participación das familias e asociacións na elaboración de regulamentos e protocolos. Ademais, solicitará a visita aos centros de menores dependentes da Xunta para coñecer de primeira man as condicións nas que medran os nenos e nenas en situación máis vulnerable.