En Marea establece un marco de colaboración e traballo con CC.OO. na defensa da maioría social do noso país

Luís Villares: “En Marea quere ser desde xa o referente dos traballadores e traballadoras do noso país no Parlamento de Galicia“
Por o 14/10/2016 | Sección: CC.OO,En Marea,Vigo
En Marea establece un marco de colaboración e traballo con CC.OO. na defensa da maioría social do noso país
Compartir en:

O portavoz do grupo de En Marea, Luís Villares, mantivo esta mañá unha xuntanza co secretario xeral de CC.OO. Xosé Manuel Sánchez Aguión, e as secretarias de Emprego e Política Social do sindicato, Maica Bouza e Adela Poisa, para falar da situación actual en materia de emprego e protección social no noso país. Na xuntanza os asistentes amosaron o seu compromiso por manter unha estreita colaboración en defensa da maioría social co obxectivo de mudar a realidade actual que sitúa a Galicia como a cuarta comunidade autónoma en canto a pobreza e onde 6 de cada 10 pensionistas teñen ingresos por debaixo do limiar da pobreza. “Estes datos deixan en evidencia a nefasta xestión do Partido Popular“ como denunciou o secretario xeral de CC.OO. Manuel Sánchez Aguión.

Na xuntanza púxose de manifesto a preocupación ante o incremento da desigualdade e a desprotección social que está a sufrir a cidadanía en todo o Estado e máis concretamente en Galicia, o aumento da precariedade laboral cun 96 por cento dos contratos temporais e con duracións de sete días segundo datos oficiais. Para Sánchez Aguión é urxente mudar a situación e cambiar o modelo que o PP quere impor no noso país baseado no espolio dos sectores públicos para favorecer as grandes empresas.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, puxo de manifesto o compromiso de En Marea por conseguir un modelo social distinto ao actual, baseado na igualdade e na xustiza social que ten que ter unha translación concreta no marco das relacións laborais para o que é preciso contar cunhas condicións laborais dignas e tamén unhas prestacións dignas para aquelas persoas que agora mesmo estean no paro. Villares salientou a intención de En Marea de establecer un marco de relación cos sector sindical, neste caso con CC.OO. con quen destacou a sintonía absoluta na defensa das condicións laborais das traballadoras e traballadores do noso país como único medio de garantir unhas condicións xustas para o conxunto da cidadanía de Galicia. “Queremos ser desde xa mesmo o referente dos traballadores e traballadoras do noso país no Parlamento de Galicia e traballaremos incansablemente por mudar a situación e acadar unhas condicións xustas para a cidadanía en Galicia“ declarou Luís Villares.