En Marea fai un chamamento á reflexión por parte da Xunta para acabar cos recortes que están a afectar seriamente a sáude e a propia vida

O grupo parlamentario pedirá explicacións e responsabilidades ao Conselleiro pola morte dunha muller nun corredor do servizo de Urxencias do CHUS.
Por o 12/02/2017 | Sección: En Marea,Política,Sanidad,Vigo
En Marea fai un chamamento á reflexión por parte da Xunta para acabar cos recortes que están a afectar seriamente a sáude e a propia vida
Compartir en:

A realidade unha vez máis deixa en evidencia que a política de recortes do Goberno de Núñez Feijóo está a acabar coa saúde da xente, e desgraciadamente en ocasións coa propia vida.

 En Marea ante o grave caso denunciado hoxe da morte dunha paciente nos corredores de urxencias no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) por dous sindicatos ante a Fiscalía, que se suman á situación de Conxo tamén denunciada polos profesionais ou ao colapso case permanente das Urxencias de Ourense entre outras cuestións, evidencian que os recortes impostos polo Partido Popular están prexudicando de xeito grave a saúde da xente e desgraciadamente nalgúns casos, acabando coa vida da xente.

En Marea quere chamar a atención ante o grave da situación e denunciar que a Xunta de Galicia e a Consellería de Sanidade con esta imposición de recortes están afectando seriamente a dereitos fundamentais da cidadanía. O portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, animou á cidadanía para que denuncie posibles casos de desatención que podan provocar situacións de perda de saúde. Así mesmo, fixo unha chamada á reflexión dos poderes públicos que teñen responsabilidade para que poñan os medios e persoal necesario para garantir o dereito fundamental a sanidade, xa que saúde da xente non se xoga.

A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, asegurou que estamos unha vez máis ante un caso de extrema gravidade, xa denunciada en diversas ocasións a situación das urxencias no noso país sen que a Consellería de Sanidade non só non fixera nada senón que afirmaba que estaba todo correcto. As políticas impostas polo Goberno de Núñez Feijóo están a xerar situacións de absoluta indefensión para os propios profesionais. “Imos pedir explicacións á Consellería por este novo caso, nun fin de semana negro que se suma a petición de comparecencia urxente presentada hoxe polos grupos da oposición para dar explicacións do que está a acontecer en Conxo“ anunciou.

“Deberá explicar que é o que esta acontecer e que medidas vai a poñer en marcha para suplir as carencias dos servizos que propician situacións de desamparo nas persoas que acoden aos servizos sanitarios“ declarou Eva Solla. Deste xeito, o luns o grupo parlamentario de En Marea rexistrará diversas iniciativas pedindo responsabilidades por este grave caso acontecido nas urxencias do CHUS e que lamentablemente non é a primeira morte que acontece nestas circunstancias nin á primeira vez que os profesionais denuncian a situación que se está a vivir neste hospital e que se repite no resto do país.