En Marea fai un chamamento á Xunta a apoiar a gandería de calidade coas que frearía o proceso de eucaliptización actual e rebaixar polo tanto o risco de incendios

O voceiro Luís Villares visitou esta mañá a feira anual da Asociación de produtores de Rubia galega onde recolleu as demandas do sector que denuncia que cada vez é máis difícil vivir no rural e constatou a necesidade de que o Goberno galego apoie de xeito decidido a este sector.
Publicado por o día 24/06/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea fai un chamamento á Xunta a apoiar a gandería de calidade coas que frearía o proceso de eucaliptización actual e rebaixar polo tanto o risco de incendios

O voceiro de En Marea, Luís Villares, visitou esta maña a feira onde tivo lugar a poxa anual de rubia galega organizada pola Asociación de criadores de rubia galega. Neste evento Villares puido constatar por unha banda a necesidade de promover este tipo de gandería de calidade que da ao noso produto un valor engadido e o converte nun produto de calidade diferenciado e que se coloca nos mellores niveis a nivel internacional. Ao mesmo tempo, a consecuencia das necesidades específicas deste tipo de cría que precisan dunha extensión de pasto importante deixan en evidencia que se a Xunta de Galicia estivera realmente interesada en potenciar e loitar polo rural prestaría máis atención e apoio a este sector xa que por unha banda ofrecería como xa indicamos un produto de calidade, ao tempo que serviría para frear a progresiva eucaliptación que está a sufrir o noso país e con isto o incremento do risco de incendios. “A día de hoxe grazas as políticas da Xunta de Galicia temos un rural que é pasto dos eucaliptos e polo tanto do lume” denunciou Villares.

En Marea a través do seu voceiro trasladou o seu total apoio ao sector e instou ao Goberno galego a atender as necesidades do sector. Na feira os e as profesionais denunciaron a dificultade cada vez maior de vivir no rural galego a consecuencia entre outras cuestións do peche de servizos básicos como centros de saúde ou escolas e outras medidas como o catastrazo.

Este de desleixo e falla de compromiso real da Xunta de Galicia evidencia que máis alá das boas palabras e operación de publicidade, o Goberno de Núñez Feijóo lonxe de loitar como anunciou pola recuperación do noso rural continúa a impor as súas políticas de recortes.

En Marea esixe a dimisión do Conselleiro de Educación

No encontro, e en relación ao peche de escolas no rural, o voceiro de En Marea destacou que o seu grupo esixirá a dimisión do Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ante a súa decisión de pechar as escolas de Ribadavia, Porriño, Serra de Outes e As Pontes, actualmente sobre a mesa. En Marea ben de coñecer que esta decisión de peche da escola de As Pontes non só non foi avalada polos inspectores da Consellería senón que estes profesionais reflectiron a súa oposición nos informes realizados. Unha oposición compartida tanto por profesores como país e nais o que deixa en evidencia que se trata dunha decisión persoal do Conselleiro e contraria á opinión de toda a comunidade educativa e os seus propios técnicos. “Estamos a falar dunha actuación moi grave pola que o conselleiro de Educación non só debería dar explicacións senón que debería dimitir a continuación xa que queda demostrada a súa incapacidade de xestión” afirmou o voceiro de En Marea.

A deputada de En Marea, Luca Chao, reuníuse esta mañá coa anpa d Navascués en Outes para coñecer de primeira man e estudar as accións a levar a cabo para lograr que a consellería non leve a cabo estes peches. Tanto a deputada de En Marea como voceiro consideraron “unha tomadura de pelo á oposición e a cidadanía” que o conselleiro de Educación comparecera o martes pasado en pleno a petición propia e non dixera nin unha soa palabra destes peches para anunciar “con nocturnidade e alevosía” un día antes do remate de curso escolar o peche destas escolas.

Por todo isto, En Marea trasladará ao Parlamento as denuncias da comunidade educativa ao tempo que esixirá as explicación do Conselleiro e a súa posterior dimisión.