En Marea fai un chamamento á Xunta para traballar na prevención e preparar poboación ante perigo de incendios

O voceiro ofreceu “a colaboración leal” de En Marea para revisar á normativa para mellorar a prevención e seguridade da normativa actual como para apoiar todas as accións preventivas e de concienciación que a Xunta poña en marcha.
Publicado por o día 19/06/2017 na sección de En Marea,Política

En Marea fai un chamamento á Xunta para traballar na prevención e preparar poboación ante perigo de incendios

O voceiro de En Marea, Luis Villares, arrancou a comparecencia do grupo ante os medios de comunicación mandando unha nova mensaxe de solidariedade e de apoio ao pobo de Portugal pola traxedia de Pedrógao Grande ao tempo que instou a facer unha reflexión “con toda a prudencia”, sobre a situación e condicións similares de Galicia e o risco de que poda acontecer algo similar. “Cando ollamos para o país veciño vemos que temos unha similitude na forma de masa forestal, estrutura poboacional, na rede de comunicación viaria que afecta sobre todo ao interior do noso país, ao que se suma. a situación de abandono do rural que provoca que o que antes eran espazos ordenados e aproveitados se converteran en masa de combustible” explicou Villares. A forma de ordenación de Galicia moi centrada nos monocultivos de eucalipto crea un risco específico nos núcleos de poboación e nas vías de comunicación debido a súa proximidade como explicou o voceiro de En Marea o que xustifica afirmar que estamos nunha “situación parella a que existe no norte de Portugal”.

Luís Villares lembrou a reforma levada a cabo en 2012 pola que se reduciron as zonas de seguridade das plantacións forestais a núcleos de poboación ou cámping pasando dos 100 a 50 metros. Neste sentido, En Marea fixo un chamamento á recuperar as distancias anteriores xa que considerou necesario a nivel de prevención evitar o risco que supón. Tamén en materia inspectora o grupo parlamentario salientou a necesidade de intensificar os controis e lembrou que cando se fan revelan un alto grado de incumprimento tanto en seguridade como de usos permitidos.

Outra das reflexións do voceiro de En Marea fixo referencia á Lei de Montes de 2012 que permite a recalificación de terreos queimados por un incendio o que “pode enviar mensaxes confusas tanto a poboación como a tentacións de que se queira aproveitar desta normativa”. En materia de emerxencias, Luís Villares destacou a actitude responsable e comprometida do persoal pero asegurou que hoxe hai que poñer o acento na necesidade dunha acción preventiva. “Sería positivo un coñecemento xeneralizado no rural do contido dos plans de continxencia e evacuación no caso de incendios” defendeu o voceiro de En Marea. Así, apostou pola realización simulacións de evacuación para ensinar e concienciar a xente de que facer en casos de emerxencia.

Por todo isto, En Marea ofrece “a súa completa colaboración á Xunta de Galicia tanto como para revisar á normativa para mellorar a prevención e a seguridade, como para apoiar todas as accións preventivas e concienciación que a Xunta de Galicia poña en marcha. A colaboración ofrecida por En Marea tería polo tanto tres niveis. Por unha banda en sede parlamentaria dando lugar a unha normativa alternativa que mellore a actual regulación legal. En segundo lugar, gobernativa para mellorar o decretos que regulan as actuais leis. E un terceiro nivel que é cooperación local, onde nos concellos gobernados onde existe tamén este entorno rural polo que se ofrece colaboración co Goberno galego e o resto de institucións para concienciar a poboación e dar a coñecer os plans de continxencia para articular tanto o plan de protección como plan de evacuación. “Estamos na entrada do verán e temos que chegar ben preparados, todos os medios son poucos. Falamos dun problema de seguridade das persoas e En Marea ofrece a súa colaboración leal na mellora das condicións da protección da nosa poboación” remarcou o voceiro de En Marea.