“Marea Galeguista”, a coalición de En Marea, Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista para facer fronte ás emerxencias que vive Galicia

Representantes das tres formacións explicaron hoxe en Bonaval as liñas básicas do acordo asinado.
Publicado por o día 30/05/2020 na sección de En Marea,Política

“Marea Galeguista”, a coalición de En Marea, Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista para facer fronte ás emerxencias que vive Galicia

En Marea xunto cunha trintena de mareas municipalistas, Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista vimos de rexistrar a coalición electoral “Marea Galeguista” para presentarnos ás Eleccións Autonómicas de 2020.

As tres forzas entendemos que a denominada nova normalidade debe ser unha oportunidade de mellorar a calidade de vida de galegas e galegos, nun País e nun mundo socialmente máis xusto e ambientalmente máis sostible.

Asumimos así o obxectivo de conseguir o benestar e combater as desigualdades e inxustizas que inda padecen moitas persoas e colectivos.

A “Marea Galeguista” é o resultante da vontade de unir forzas nun proxecto nacional, galego, aberto e inclusivo que poida canalizar politicamente a vontade cidadá de empregar as institucións para mellorar as condicións de vida da cidadanía.

Marcámonos vinte liñas para o acordo, partindo das emerxencias social, feminista e climática que vive Galicia, citando así aspectos como o rescate social, apostando por un programa que non deixe a ninguén atrás, poñendo o acento en políticas para unha Galicia feminista, ecolóxica e descarbonizada, na que se priorice a soberanía enerxética e alimentaria do país, construída desde o local, a través da defensa e reforzo  das competencias, recursos e autonomía das administracións municipais.

O rural é unha aposta prioritaria para a Marea Galeguista, nun contexto no que para atender ás persoas e aproveitar os recursos precísanse políticas achegadas ás particularidades de cada comarca e concello.

Entendemos o soberanismo como un acordo pola defensa do dereito da cidadanía galega a decidir o seu futuro, polo que procuraremos a blindaxe lexislativa no máis alto rango xerárquico dos dereitos sociais, da igualdade, ambientais e nacionais do pobo galego.

Coa Marea Galeguista defendemos unha educación pública e ben financiada, que promova a sustentabilidade e a perspectiva de xénero e permita agromar unha nova cidadanía responsable e esixente.

Defendemos tamén elevar o teito competencial a través de ferramentas transrexionais europeas, ampliando a eurorexión Galicia-Norte de Portugal a unha relación de Galicia con Portugal de Norte a Sur.

A galeguidade abrangue non só a realidade incluída no actual territorio, senón tamén todo o vencellado á cultura, facendo especial mención á Galicia emigrante.

Comentar noticia

Your email address will not be published.