En Marea insta ao Goberno a defender as especificidades da pesca artesanal galega

Alexandra Fernández e Antón Gómez-Reino presentaron unha proposición no Congreso que demanda unha definición de pesca artesanal consensuada co sector, a súa exclusión dos TAC´s, que se lle apliquen as devolucións cero e se adopten medidas de promoción deste tipo de pesca sostible
Publicado por o día 20/04/2016 na sección de En Marea,Política

En Marea insta ao Goberno a defender as especificidades da pesca artesanal galega

En Marea presentou no Congreso dos Deputados unha proposición non de lei cunha serie de puntos destinados a facer realidade as especificidades da pesca artesanal.

A parlamentar de En Marea, Alexandra Fernández, e o tamén deputado, Antón Gómez-Reino, instan ao Goberno a solicitar á Comisión Europea que por fin adopte unha definición de pesca artesanal que estea consensuada co sector e que teña en conta as especiais características deste tipo de pesca sostíbel, “que fixa poboación nas localidades costeiras e que é respetuosa co ecosistema mariño”.

Asemade poñen enriba da mesa a necesidade de reclamar á UE que desenvolva o apartado 25 da Resolución do Parlamento Europeo sobre unha nova PPC, que considera que a pesca artesanal accidental debe ficar excluida dos TAC. De igual xeito, é preciso que a este tipo de actividade pesqueira se lle apliquen as devolucións cero.

Unha pesca sostíble, que fixa poboación na costa e é respetuosa co medio mariño

Consideran importante que se leven a cabo políticas de protección, promoción e incentivación da pesca artesanal, unha actividade que emprega métodos de pesca sostíbeis, “é un modo de pesca a pequena escala, xera miles de postos de traballo e dinamiza localidades costeiras”. Outra das cuestións que trasladan ao Executivo central é a necesidade de promover o consumo de produtos pesqueiros procedentes da pesca de litoral e de marisqueo, comezando polo seu consumo en centros, instalacións e órgaos públicos.

Os parlamentares de En Marea poñen de manifesto a importanza da pesca artesanal en Galiza, tanto desde o punto de vista social, como económico e cultural. “É fonte de riqueza e creación de empregos directos e indirectos. Son innumerábeis os seus beneficios, entre eles o feito de ser unha pesca sostíbel que usa métodos respetuosos co medio ambiente mariño”.

Máis, puntualizan, a pesar dos seus múltiples beneficios, é unha das grandes discriminadas nas políticas pesqueiras en favor da pesca industrial. Levan décadas pedindo que non se lles apliquen os TAC´s e o sistema de cotas, e demandando poder rexirse por criterios de proximidade, tendo en conta as características de cada zona. A política de descartes tamén lles prexudica enormemente.

De aí a necesidade de estabelecer normativamente unha definición clara da pesca artesanal que supere as raquíticas limitacións actuais baseadas nos metros de eslora.

Para os parlamentares de En Marea xa é hora de recoñecer as especificidades dunha pesca tradicional que representa a máis do 70% da frota total da UE.

PRENSA EN MAREA