En Marea insta ao Goberno a intervir contra a instalación de macrogranxas leiteiras coma a de Noviercas

Nas iniciativas presentadas no Parlamento e no Congreso tamén se solicita unha avaliación do impacto que teñen na pequenas explotacións galegas.
Por o 07/04/2017 | Sección: En Marea,Política,Vigo
En Marea insta ao Goberno a intervir contra a instalación de macrogranxas leiteiras coma a de Noviercas
Compartir en:

O proxecto dunha empresa navarra de instalar en Noviercas (Soria) a maior granxa de Europa cunha megaexplotación de 20.000 vacas sobre 900 hectáreas de terreo e unha produción calculada de 180 millóns de litros ao ano, suscita a preocupación de En Marea polas consecuencias negativas que esta granxa terá para o sector en Galicia, tanto no económico coma no ambiental e social.

O Sindicato Labrego Galego sinala que esta macrogranxa producirá ela soa “o equivalente a 10% da produción total das 8.600 granxas galegas”. É dicir,implantando este modelo, 10 explotacións coma esta poderían substituír a totalidade das granxas de Galicia. A “Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos” (COAG) asegura que en canto abra a explotación de Noviercas, as 432 granxas leiteiras do seu entorno e os seus 726 empregos directos, dende Zamora a Cantabria, pasando polo País Vasco, irán á ruína ao instante.

É por iso polo que En Marea presenta diferentes iniciativas no Parlamento de Galicia e do Estado para conquerir un posicionamento contrario á súa instalación, que xa rexeitaron con anterioridade gobernos coma o País Vascou ou Navarra. Tamén se require unha actuación que palíe as consecuencias da implantación deste modelo de concentración agroindustrial sobre as pequenas explotacións lácteas.

“Estase a trasladar a un modelo de produción típico de Estados Unidos ou China,  pero que está prohibido noutros estados da UE, xa que, Francia, por exemplo,

 impide a construción de explotacións de máis de mil vacas e Estados como Holanda, reverteron este modelo agroindustrial tras apostar por el no pasado”, lembra a promotora da proposición non de lei presentada no Parlamento de Galicia, a deputada Paula Quinteiro, para quen o “sistema de cotas abriu unha crise que só beneficia ás grandes industrias”.

No Congreso dos Deputados, En Marea tamén solicita do Goberno central que paralice o proceso de instalación da macrogranxa de Soria e defenda un modelo de produción sostible con apoio aos pequenos e medianos produtores ao tempo que lle pregunta se ten previsto esixirlle á empresa unha Avaliación do Impacto Ambiental, tendo en conta que “vai producir toneladas de desperdicios contaminantes co conseguinte impacto sobre os acuíferos ademais do consumo de 4 millóns de litros de auga ao día”.