En Marea insta ao Presidente da Xunta a negociar incremento das partidas en favor da igualdade e contra a violencia machista

O portavoz Luís Villares afirmou que o seu grupo “fala de políticas de prevención porque son políticas de igualdade, e canta máis igualdade menos machismo, menos medo para as mulleres desta sociedade“.
Por o 28/12/2016 | Sección: En Marea,Política,Vigo,Xunta de Galicia
En Marea insta ao Presidente da Xunta a negociar incremento das partidas en favor da igualdade e contra a violencia machista

“O machismo combátese con igualdade“. Con esta afirmación arrancou o portavoz de En Marea, Luís Villares, a súa intervención na sesión de control ao Presidente da Xunta de Galicia a quen preguntou polas medidas que pensa implementar o Goberno galego ante o drama social da violencia e os asasinatos machistas. Villares salientou que existe unha relación causal entre o machismo e a desigualdade, entre a violencia contra ás mulleres como unha expresión extrema dunha desigualdade que se vive na sociedade a nivel educativo, cultural, social e económico. Polo tanto, o combate contra a violencia machista é ante todo unha loita pola igualdade. Por iso, En Marea decidiu formular a súa intervención en pleno en favor da igualdade, en positivo presentando propostas que recollan todos os ámbitos que buscan mellorar a lexislación vixente, as políticas sociais, o ensino, en materia de traballo, de prestación asistenciais, todas elas encamiñadas a lograr unha sociedade máis xusta e máis igualitaria entre mulleres e homes.

A pregunta ao Presidente da Xunta de Galicia de En Marea foi elaborada tras un longo proceso de escoita e colaboración con colectivos feministas, institucións, colectivos de atención a mulleres vítimas de violencia de xénero, e o que puxeron sobre a mesa foi que non existe unha mala lexislación, o problema é que non cumpre por falla de medios, non hai un desenvolvemento administrativo da lexislacións.

En Marea cre necesario avanzar con propostas positivas, fronte a declaración dunha igualdade formal hai que avanzar cara unha igualdade real combatendo en positivo e actuando en positivo. Actuar no campo preventivo e no pacto paliativo. Así é preciso actuar no ámbito educativo, laboral, económico xa que as “políticas de igualdade evita o mal do machismo“. Esta reflexión dos colectivos que denuncia a insuficiencia de medios para desenvolver a lexislación ven corroborada polos datos que demostran unha redución do 77,8 por cento das partidas destinadas a impulsar a igualdade desde a chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta de Galicia.

Villares deu datos concretos do orzamento da Xunta para 2017 con partidas referidas a accións para igualdade, protección e promoción da muller e protección de mulleres que vítimas da violencia de xénero, que no orzamento de 2009 eran 34 millóns de euros e no orzamento para o vindeiro ano son 12 millóns de euros, o que supón un 64 por cento menos. Con estas cifras, a valoración de En Marea non pode ser máis que negativa. Partidas de igualdade, promoción e protección da muller que pasaron en 7 anos de 31 millóns a 6,9 millóns, unha redución do 77 por cento.

“Cando no Parlamento falamos de compromiso temos tamén que falar de orzamentos xa que estamos na Cámara que aproba os orzamentos que despois fan políticas públicas polo que se se aproban leis sen recursos económicos é como se non se aprobase nada xa que unicamente teremos papel“ declarou Luís Villares.

En Marea instou ao Presidente da Xunta de Galicia a falar e negociar partidas concretas nos orzamentos para o vindeiro ano para impulsar políticas activas en favor da igualdade e contra a violencia machista. Villares explicou que En Marea fala de políticas de prevención porque son políticas de igualdade, “canta máis igualdade menos machismo, menos medo para as mulleres desta sociedade“ insistiu . As medidas preventivas que son as causas da violencia machista podan chegar a desaparecer. “Xa o dicía Concepción Arenal vai camiño de dous séculos: abride escolas e pecharán cárceres. Iso é o que quere En Marea, o valor da igualdade, de respecto, que se fan por medio de políticas públicas que requiren compromiso orzamentario que non vemos“ afirmou o portavoz de En Marea que rematou instando ao Presidente da Xunta de Galicia a cumprir a Lei con políticas públicas activas dotadas tamén de orzamento.

APROBADA A INICIATIVA DE EN MAREA PARA A PROTECCIÓN DAS MULLERES NO MEDIO RURAL

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a iniciativa de En Marea orientada reforzar a atención ás mulleres vítimas da violencia machista no medio rural, que inciden en moitas ocasións nunha maior indefensión das mulleres que a sofren e polo tanto requiren tamén unha atención específica para afrontar e saír destas situacións. O deputado de En Marea, Davide Rodríguez, foi o encargado de presentar a iniciativa na que explicaba que “a violencia machista segue sendo a mesma froito dunha sociedade marcadamente machista e dun sistema patriarcal pero presenta características diferentes que nas contornas urbanos“. Factores como a dispersión xeográfica, o despoboamento, envellecemento da poboación, a falta de infraestruturas, medios de transporte e servizos públicos, agravan a situación de vulnerabilidade das mulleres no rural.

Os recortes nos servizos públicos, fixeron ademais que o rural perda os escasos medios cos que contaba a prol da igualdade e contra a violencia machista. A escasa implantación de políticas de igualdade e recursos especializados para loitar contra a violencia machista dende ámbitos como o educativo, medios de comunicación, sanitario, forzas de seguridade, Concellos, Administración de xustiza, medios humanos e materiais necesarios para garantir a saída real das mulleres desa situación de violencia. En Marea entende que as Administracións debe asegurar unha atención especializada axeitada ás mulleres do rural, para evitar erros con terribles consecuencias, como os que levaron no ano 2015 ao asasinato de María Isabel Fuertes, veciña da aldea de Pazos, Verín (Ourense), un caso no que non se activou o protocolo de protección; ou en 2016 ao asasinato de Ana Gómez, veciña de Herbón, Becerreá (Lugo), que solicitou nos dias previos o seu asasinato asesoramento para irse do seu domicilio.

O illamento que padecen as mulleres no medio rural é especialmente dramático naquelas mulleres que só se relacionan co seu propio agresor. “É o día a día de pequeno núcleos de poboación onde todo o mundo se coñece e onde son os agresores os que participan da vida social e do espazo público, mentres que as vítimas fican en moitos casos illadas no espazo privado. Isto dificulta enormemente as súas posibilidades de saír dunha situación de violencia“ explicou o deputado de En Marea.

Os datos demostran a falta de implicación das diferentes administracións na loita contra a violencia machista. Un bo exemplo son os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial do ano 2015, onde se destaca que os Xulgados de Cangas do Morrazo, Lalín, Cambados e Becerreá son os únicos de Galicia onde o cen por cen das causas de violencia de xénero tramitadas foron sobresidas, a estes Xulgados séguense Betanzos con case o 96 por cento das causas. Todos eles Xulgados do rural. Atendendo a estes factores e dificultades compre impulsar políticas integrais para acabar con modelos machistas nas relacións afectivas, económicas, sociais… que dean como resultado a fin da lacra que é a violencia machista.

Así, En Marea propuxo no pleno do Parlamento e logrou a aprobación por unanimidade, instar ao Goberno galego para, en primeiro lugar, fornecer cursos de formación sobre temas vinculados o empoderamento e desenvolver campañas de sensibilización e concienciación orientadas especificamente ás mulleres rurais. E en segundo lugar, poñer os medios e recursos suficientes para mellorar a atención ás mulleres vítimas de violencia machista no medio rural e evitar a situación de illamento.

O último dos puntos incluídos na proposición non de lei  por último, que pedía incrementar o número de Centros de Información á Muller, de xeito que poida acadarse o obxectivo de dispoñer dun como mínimo en cada concello de Galicia, para cubrir as necesidades de asesoramento e apoio das mulleres que sofren violencia machista no rural, foi votado en contra polo Partido Popular deixando en evidencia o relativo compromiso do PP coa loita contra a violencia machista e a atención as mulleres ao non se querer comprometer nun punto concreto que suporía un avance fundamental a hora de poder atender as vítimas de violencia machista con independencia do lugar onde residan.