En Marea insta á Conselleira de Infraestruturas a dar conta no Parlamento do “desleixo e improvisación” demostrado no plan de transportes

O vicevoceiro de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, asegurou que se trata dunha “esixencia democrática” previa á asunción de responsabilidades políticas por parte do Goberno galego.
Publicado por o día 23/06/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea insta á Conselleira de Infraestruturas a dar conta no Parlamento do “desleixo e improvisación” demostrado no plan de transportes

En Marea xunto co resto de grupos da oposición no Parlamento de Galicia solicitaron a comparecencia da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, para que dea explicacións do plan de transportes da Xunta de Galicia, unha nova mostra da improvisación e desleixo do PP en materia de transporte público.

O vicevoceiro de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, fixo un chamamento ao Goberno galego a dar marcha atrás e asumir os erros cometidos para deste xeito poder impulsar como lle ten reclamado o grupo de En Marea que leve a cabo un novo plan “participado e pensado”. “Estamos ante unha proba máis dos oito anos de desleixo e improvisación da Xunta de Galicia que só actúa a golpe de sentencia e que de non rectificar provocará que Galicia perda a oportunidade de contar cun transporte público do século XXI adaptado ao noso país” destacou Sánchez.

Para o grupo parlamentario de En Marea o plan de transportes da Xunta evidencia que “o Partido Popular lonxe de facer publicidade e propaganda non é quen de ter un proxecto serio par ao país”. Por todo isto, fan un chamamento a rectificar e asumir ás críticas dos grupos da oposición ao tempo que a instan á Conselleira a comparecer no Parlamento de Galicia para dar explicacións sobre este plan. Un primeiro paso que o vicevoceiro de En Marea cualificou como “esixencia democrática” e que sinalou é previo a asunción posterior de responsabilidades políticas por parte do Goberno.