En Marea insta á Consellería de Política Social que dea conta da investigación aberta polos presuntos malos tratos no centro de menores Fundación de Caridad de Vigo-Hogar de San José.

O grupo parlamentario presentará diversas iniciativas nas que reclama que se informe ao Parlamento e que no caso de se confirmar os graves feitos denunciados, a Consellería precisarían dunha actuación urxente.
Por o 28/10/2016 | Sección: En Marea,Política,Vigo
En Marea insta á Consellería de Política Social que dea conta da investigación aberta polos presuntos malos tratos no centro de menores Fundación de Caridad de Vigo-Hogar de San José.

As denuncias de malos tratos a menores no centro concertado da Xunta de Galicia, Fundación Casa de Caridad de Vigo-Hogar de San José, – ás que un psicólogo dá credibilidade – constitúen uns feitos moi graves polo que o grupo parlamentario de En Marea considera que o Parlamento Galego debe coñecer todo o relativo ao caso para o que deberá ter acceso as aclaracións por parte da Consellería. Con independencias das investigacións xudiciais, desde o grupo de En Marea aseguran que de se confirmar as denuncias estaríamos ante feitos moi graves que precisarían dunha actuación urxente por parte da Consellería. Neste sentido En Marea rexistrará diversas iniciativas nas que se pedirá que a Consellería de Política Social dea conta da investigación aberta sobre estes feitos.

A deputada de En Marea, Eva Solla, destacou que lamentablemente non é a primeira vez que se denuncia a situación que se está a vivir nos centros de menores do noso país provocado por unha banda polo abandono dos escasos centros públicos que existen e a privatización destes centros que o PP está a levar a cabo, e por outra, tal e como denunciou o grupo parlamentar e confirmaron os representantes de familias acolledoras as trabas que se están a impor a estas familias impedindo que podan acoller e o dereito dos menores a poder vivir no seo dunha familia en lugar de optar pola institucionalización.

A deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao, asegurou que “a Xunta debe facer efectivo o apoio prioritario ao acollemento familiar, fronte á institucionalización de menores en centros, aumentando a contía por menor no caso dos acollementos en familia extensa, que é a máis baixa do Estado”. “Cómpre apostar polo sistema público no acollemento residencial de menores fronte aos concertos con entidades privadas, máxime cando se trata de entidades relixiosas que impoñen a estes menores o seu criterio confesional; e cómpre aumentar os recursos públicos en materia de seguimento psicopedagóxico de menores tutelados” defendeu Vázquez Verao.

Ademais, En Marea solicitará a visita ás instalacións de centros de acollemento de menores en Galicia, polas denuncias recibidas por parte de colectivos sociais sobre falta de medios e trato non adecuado aos menores en acollemento residencial no noso país. “En reunións con colectivos sociais xa recibimos queixas sobre o estado dos centros de menores de Galicia, polo que En Marea solicitará visitas a estes centros para coñecer de primeira man as condicións nas que medran os nenos e nenas en situación máis vulnerable” explicou Paula Vázquez.

En Marea aposta porque a Xunta de Galiza dea prioridade o acollemento familiar no caso dos menores tutelados, para o que é preciso elevar as contías por menor nas acollidas en familia extensa – as máis baixas do Estado, sen actualizar dende 2008 – e así evitar no posible a institucionalización de menores. Ademais, o grupo parlamentario aposta polo sistema público de acollemento residencial de menores, fronte aos concertos con centros privados, moitos entidades relixiosas que impoñen aos menores o seu criterio confesional.

En Marea preguntará ademais pola falta de medios para a atención psicopedagóxica no sistema público para menores tutelados, que denuncian as familias de acollida.