En Marea insta a converter a comisión dos lumes nunha comisión de estudo para unha alternativa para o territorio

O voceiro de En Marea denunciou o abandono e incapacidade da Xunta que non actuou con celeridade tras a vaga de lumes para evitar a situación actual con escorrentías de cinzas cara aos ríos e rías a causa das choivas.
Por o 11/12/2017 | Sección: En Marea,Galicia,Política
En Marea insta a converter a comisión dos lumes nunha comisión de estudo para unha alternativa para o territorio

O voceiro de En Marea, Luís Villares, denunciou a nova inaceptable irresponsabilidade do Goberno da Xunta ao non actuar con celeridade para evitar as escorrentías de cinzas dos chans queimados cara aos ríos e rías.  “A culpa non é da borrasca xa sabíamos que ía chegar” asegurou Villares “pero mentres En Marea advertía dos riscos de que os restos das cinzas chegara ás rías e ríos instaba a actuar con celeridade, a Xunta de Galicia non o fixo”. Denunciou ademais as dificultades que se lle puxeron aos Concellos para que puideran acceder polos seus propios medios a facer sistemas de fixación dos chans para evitar as escorrentías. Este abandono e incompetencia da Xunta de Galicia, incapaz non só de facer fronte á catástrofe dos lumes senón tamén as súas consecuencias coa chegada das choivas, provoca a situación actual. Algo que o voceiro cualificou de “inaceptable”.

Ante a actual situación, o voceiro de En Marea destacou a necesidade de que a comisión de estudo das causas dos lumes non debe quedar so nesta cuestión senón abordar como defendeu En Marea desde o principio a nivel territorial. Nesta liña, o grupo parlamentario de En Marea presentou unha emenda ao regulamento de funcionamento da comisión de estudo dos lumes no Parlamento para que se inclúan outras como todo o relativo á xestión das emerxencias, dos solos queimados, a xestión hídrica posterior, como evitar a contaminación nos ríos e nas rías, tratar as medidas mínimas para existencia dun rural vivo e un hábitat acorde co cambio climático que estamos xa a padecer, a ordenación do territorio, e que teña un plan de emerxencias e xestión das consecuencias. “En Marea entende que a comisión de estudo dos lumes non se debe chamar así nunca máis senón converterse nunha comisión de estudo para unha alternativa do territorio” afirmou Villares. Desde En Marea fixo un novo chamamento para chegar a un pacto polo territorio.

Segundo o voceiro de En Marea para facer políticas alternativas era preciso asumir responsabilidades non aconteceu e Fernández Couto continúe no seu cargo pese a ser o responsable das políticas de montes actuais e que se incumprise a legalidade vixente durante anos. Tampouco Luís Menor, director de emerxencias, foi destituído. O segundo paso era unha comisión que tratase o tema en liña territorial e por último tomar decisións valentes no Parlamento.

En Marea presenta a súa alternativa territorial 

O voceiro de En Marea anunciou o arranque dunha serie de encontros organizados por En Marea para presentar a súa alternativa en materia de territorio, extinción de incendios, xestión de emerxencias, pero tamén en xestión de montes, territorio agrogandeiro, en materia de ordenación territorial e para un rural vivo e con participación veciñal. O primeiro destes encontros terá lugar o vindeiro sábado 16 de decembro nos Ancares, Hotel Piornedo en Cervantes.

Atentado contra a saúde de todas as galegas e galegos

Na rolda de prensa de En Marea, Luía Villares, referiuse tamén ao que cualificou coma un “atentado contra a saúde de todas as galegas e galegos con alevosía e nocturnidade”. Así criticou a actuación do Goberno galego que ven de aprobar o proxecto da Reforma da Lei de Galicia no medio das xornadas festivas de principios de decembro “obviando todas as críticas dos profesionais, plataformas de pacientes e toda a cidadanía que considera un atropelo aos dereitos fundamentais das persoas, como é a saúde”.

Villares manifestou a súa confianza en que este proxecto aínda se poda paralizar grazas a mobilización da xente. “En Marea como a maioría da poboación non se resigna. Da igual que o PP teña maioría absoluta os seus votantes están quedando sen médico e tampouco eles o van a tolerar” asegurou.

Con este paso, a Xunta afonda na súa estratexia de desmantelar a sanidade pública galega, debilitando a capacidade asistencial e atacando o dereito fundamental á saúde, creando cidadáns de primeira e segunda e apostando polos desvíos cara á sanidade privada converténdoos en estruturais. “So é posible unha sanidade de proximidade se temos áreas sanitarias” defendeu Villares engadindo que son os recursos dispoñibles os que hai que achegar á cidadanía e non ao contrario.

Ante esta nova actuación do Goberno galego contra a sanidade pública, En Marea asegurou que continuará a se mobilizar xunto á cidadanía en defensa dos dereitos fundamentais, un deles a saúde.

Noticias de última hora en Vigo