En Marea insta a incrementar as cotas do imposto a empresas contaminantes para reducir as emisions de gases contaminantes en Galicia

O vicevoceiro de En Marea no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, lembrou que Galicia é a responsable de máis do 15 por cento das emisións á atmosfera de España.
Publicado por o día 20/06/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea insta a incrementar as cotas do imposto a empresas contaminantes para reducir as emisions de gases contaminantes en Galicia

O vicevoceiro de En Marea no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, defendeu na sesión plenaria desta mañá a iniciativa presentada polo seu grupo na que se instaba ao Goberno galego a incrementar as cotas do imposto que teñan que ver coas consecuencias reais que provoca a contaminación e o cambio climático para que cumpra mellor cos seus obxectivos.

Hai xa dúas semanas, Sánchez levou á Cámara unha interpelación na que en base a un informe elaborado polo doutor en Bioloxía e experto en contaminación atmosférica, Ramón Varela Diaz, no que se destaca o importante incremento da contaminación a causa da gran industria sendo o principal problema ambiental do noso país. “Galiza é a segunda Comunidade autónoma que máis emisións contaminantes industriais envía á atmosfera, e subindo” denunciou o vicevoceiro de En Marea o que a convirte na responsable do 15,08 por cento do total das emisións á atmosfera de España. É ademais a primeira en emisións de flúor, mercurio e perfluorocarburos, e a segunda en emitir dióxido de carbono, gases de efecto invernadoiro, dióxido de xofre, cloro e substancias acidificantes/precursoras de ozono. Tamén é a terceira comunidade por emitir á atmosfera partículas (PM10), monóxido de carbono, compostos orgánicos volátiles non metano (COVNM), metano, arsénico e cromo. E para rematar, ocupa o cuarto posto en emisións de óxidos de nitróxeno e metais pesados en conxunto.

Mentres o dióxido de carbono que emiten estas industrias no 2015 representa o 15,1 por cento do total do Estado, fai tan só tres anos representaba o 12 por cento como advertiu Antón Sánchez.  As grandes industrias que teñen a responsabilidade destas emisións xa que “a maioría multinacionais , son as principais responsábeis de que ocupemos hoxe un lugar destacado no Rexistro de Emisións Contaminantes no Estado, e son a maioría delas industrias de enclave que se instalaron aquí para aproveitarse de recursos naturais, permisividade ambiental, ou pola enerxía eléctrica barata”.

“Das escasas 30 toneladas de CO2 emitidos en Galiza, 14,2 son produto de gran industria, e deles 10,5 millóns corresponden ás centrais térmicas de As Pontes e Meirama” explicou Antón Sánchez o que asegurou ben a demostrar que estamos ante unha “triste especialización de Galiza na industria contaminante, só fai falla ver como en Galiza se producen o 15 por cento de emisións contaminantes e gases de efecto invernadoiro, pero constitúe só o 5 por cento do PIB ou menos do 6 por cento da poboación”. Pola súa subalternidade e subordinación política foi escollida en deseños alleos para a situación de industrias contaminantes, alleas ao noso tecido produtivo e pouco creadoras de riqueza e emprego.

Os efectos negativos destas emisións teñen un enorme impacto no medio ambiente pero tamén na saúde das persoas “e ninguén o pode negar” afirmou o vicevoceiro de En Marea. Eses impactos son externalizados por estas multinacionais que non se fan cargo dos custes que desto derivan. Unha vez máis estamos ante a estratexia de externalizar custes e privatizar os beneficios.

“Esta é unha realidade que non queremos para o noso país, e que compre cambiar, si defendemos o interese xeral e non o destas multinacionais” defendeu Antón Sánchez. Para isto Galicia conta co Imposto de Contaminación ambiental polo que recadamos só non 2015, 4,5 millóns de euros. Un imposto que “ten demostrado que non cumpriu cos obxectivos marcados na lei na que se se establece que debe ser un instrumento para a recuperación de custes, ou internalización de custes e un elemento regulador que favorecera a limitación das emisións. En Marea propuxo neste sentido incrementar as cotas do imposto que teñan máis que ver coas externalidades reais que provoca a contaminación e o cambio climático, e cumpra mellor cos seus obxectivos.

Por outra banda, o vicevoceiro de En Marea asegurou que para o Observatorio da Sustentabilidade, na loita contra o cambio climático en España resulta prioritario reconverter o sector enerxético, procedendo á substitución de combustíbeis ou tecnoloxías máis contaminantes, como o carbón , polas renovables. Algo que en Galicia asegurou “é obvio”.

“É irresponsable non potenciar as renovables como substitutas da enerxía producida polo carbón. É irresponsable non preparar o país para o inevitable final das térmicas, artellando alternativas laborais baseadas no desenvolvemento do sector das renovables con todo o seu complexo auxiliar, un plan cun potencial moito maior de creación de emprego e sostenibilidade” argumentou Antón Sánchez. Acusou ademais ao Goberno galego de irresponsable e traizoar acatando as políticas impulsadas polo PP en Madrid a pesar de saber que paralizaban un sector que durante anos de crise puido ser o bastión na creación de emprego e riqueza en Galicia.

Para En Marea é necesario elaborar un plan para a substitución do carbón por enerxías renovables. “Sabemos que Galiza non conta coas competencias necesarias, pero debemos de contar cun Plan para reclamar nos ámbitos precisos a aplicación de determinadas políticas que conduzan a este obxectivo” defendeu Sánchez. Por outra banda Galiza debe de marcarse obxectivos de recorte das emisións de GEIs para o ano 2020 coherente cos obxectivos mundiais de loita contra o cambio climático, cando menos. “É significativo do moito que lle interesa a este goberno esta cuestión, que en pleno 2017 non contemos con ningunha estratexia” sinalou.

Nin as crises económicas, nin o interrompido desenvolvemento eólico, foron suficientes para que Galicia diminuíse de xeito substancial as súas emisións nos últimos 25 anos. Anos perdidos nos que unha acción vigorosa a escala mundial podería ter evitado unha mudanza climática perigosa, algo que hoxe semella xa inevitábel.