En Marea insta á Xunta a abandonar a pasividade e pasar á vía xudicial de inmediato para recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público

O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, asegura que despois de “saltar polos aires” a teoría do globo sonda mantida polo Goberno galego “chegou a hora de mover ficha dunha vez por todas”
Publicado por o día 24/02/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea insta á Xunta a abandonar a pasividade e pasar á vía xudicial de inmediato para recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público

A teoría do globo sonda da Xunta de Galicia veu de saltar polos aires co anuncio da venda do Pazo de Meirás nunha inmobiliaria. Unha vez que queda esgotada esa teoría o grupo parlamentario de En Marea considera urxente que o Goberno galego mova ficha dunha vez por todas.

Se comparte a Xunta o obxectivo de recuperar o Pazo de Meirás para o público como asegura nas declaracións públicas e non pagar un euro a familia Franco, a vía necesaria como destacou o vicevoceiro de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, pasa pola vía xudicial para que se declare nula a fraudulenta simulación de venda tal e como xa apuntou En Marea e o goberno de Sada esta mesma semana.

“Nestes momentos a pasividade é unha vantaxe para os Franco e a Xunta de Galicia tennos acostumados a este non facer e servir de parapeto da familia Franco. Compre que abandone esa actitude e se poña do lado da democracia” asegurou Antón Sánchez.

Por todo isto, desde En Marea instase ao Goberno galego a actuar de xeito inmediato e que acuda á vía xudicial como paso imprescindible para que o Pazo de Meirás pase a patrimonio público