En Marea insta á Xunta a actuar contra a publicidade sexista e a eliminación dos anuncios de prostitución nos medios

A deputada de En Marea no Parlamento, Paula Quinteiro, considera urxente “rematar coa utilización dos corpos das mulleres como reclamo publicitario, tamén coas formas máis normalizadas”.
Publicado por o día 16/06/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea insta á Xunta a actuar contra a publicidade sexista e a eliminación dos anuncios de prostitución nos medios
O grupo parlamentario de En Marea presentou unha iniciativa na que se pide á Xunta de Galicia que inste á eliminación nos medios de comunicación da publicidade sexista e anuncios de negocios onde se exerce a prostitución. Para o grupo parlamentario de En Marea a vinculación da opresión que padecen as mulleres no seu día a día cos roles de xénero, instaurados fortemente no imaxinario colectivo, é evidente. Un deses roles é o que asemella as mulleres como obxectos de desexo.  Estes roles perpetúanse a través de múltiples mecanismos, como por  exemplo, os medios de comunicación, e especialmente, a través da publicidade que aparece neles. A deputada no Parlamento, Paula Quinteiro, considerou polo tanto urxente “rematar coa utilización dos corpos das mulleres como reclamo publicitario, tamén coas formas máis normalizadas¨.

Cabe lembrar que o Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012, polo que se  desenvolve  a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e  o  tratamento integral da violencia de xénero no relativo aos órganos consultivos e de participación, crea a Comisión Asesora de  publicidade non sexista como un órgano dependente do Observatorio Galego de Violencia de Xénero, co obxecto de asesorar e orientar ás entidades, asociacións e axentes publicitarios que o requiran, ofrecendo criterios alternativos para eliminar o sexismo  nas mensaxes publicitarias e incorporar accións positivas que  cooperen  á erradicación de todo tipo de discriminación por razón do  sexo das persoas. Así mesmo, esta comisión canalizará as queixas que se reciban  en relación  coa publicidade sexista, de acordo co  establecido na lei 34/1988, do 11 de novembro, Xeral de  Publicidade, e difundir a información obtida coa fin de fomentar o rexeitamento social ao tratamento discriminatorio as mulleres a través da comunicación nos medios.

Tamén, compre  salientar que en Marzo de 2012 o Parlamento Galego apostaba por  eliminar os anuncios de prostitución na prensa galega. O acordo unánime  falaba de “promover a eliminación dos anuncios de contactos de  prostitución en Internet e nos medios de comunicación”. A pesar disto, o Goberno segue mantendo unha posición ambigua ao respecto deste tema, xa  que, por exemplo, negáronse a suspender as axudas económicas a medios  galegos que incluísen este tipo de anuncios.

O anuncios deste tipo seguen aparecendo en moitos medios de comunicación de xeito diario, ademais, recentemente foron colocados en grandes valados de publicidade anuncios que  empregaban o reclamo do corpo da muller, e que ademais o facían para dar visibilidade negocios de prostitución. Aínda que nalgún Concello xa  iniciaron os trámites de retirada destes, o grupo parlamentario En Marea enténdese que é  fundamental que exista unha posición firme e contundente que se opoña a  este tipo de publicidade en todas as circunstancias.

Por este motivo, En Marea preguntará en comisión:

– Que opinión lle merece á Secretaría Xeral de Igualdade  a presenza deste tipo de anuncios sexistas nos que se ofrece unha imaxe obxecto da muller?
– Que valoración fai da presenza de anuncios de negocio da prostitución  publicados nos medios de comunicación galegos?
– Que medidas vai levar a cabo para erradicar a publicidade sexista en todos os ámbitos?
– Que actuacións leva posto en marcha a Comisión asesora de publicidade  non sexista, constituída no marco do Observatorio Galego da Violencia de  Xénero?