En Marea insta á Xunta a crear unha bolsa de corpos periciais especializados para loitar contra a corrupción

O grupo parlamentario asegura que loitará desde todos os ámbitos contra a corrupción sistémica que hoxe volve a centrar todas as miradas coa declaración do ex secretario de organización do PPdeG ,Pablo Crespo, imputado na Gürtel.
Publicado por o día 24/10/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea insta á Xunta a crear unha bolsa de corpos periciais especializados para loitar contra a corrupción

En Marea rexistrou unha Proposición non de Lei no Parlamento de Galicia na que se insta á Xunta de Galicia a crear unha bolsa de corpos especializados periciais para loitar contra a corrupción. O portavoz de En Marea, Luís Villares, destaca que a loita contra a corrupción nos xulgados de Galicia atopa como principais dificultades na instrución a complexidade de determinadas estruturas, tanto a nivel administrativo como económico e informático, que precisan dunha asistencia pericial moi específica e especializada, que non está posta a disposición dos Xulgados de instrución de forma sistemática e inmediata. Esta carencia trae como consecuencia a dificultade ou a imposibilidade para os Xulgados de cumprir cos prazos procesuais establecidos de duración máxima da instrución no artigo 324 da Lei de Axuizamento Criminal. Esta situación vulnera o prescrito no artigo 6.1. do Convenio Europeo de Dereitos Humanos, que obriga á tramitación das causas penais nun tempo razoable, como ten lembrado en numerosas ocasións o Tribunal Constitucional.

Esta situación causa ademais unha indesexable percepción social de lentitude e ineficacia do sistema xudicial na súa función de loita contra a corrupción e de Poder do Estado encargado de tutelar dereitos cidadáns e evitar abusos de poder.

Por esta razón, e con independencia dos medios propios da Policía Xudicial na materia, o Grupo Parlamentar de En Marea insta á Xunta de Galicia a que dispoña a creación dunha bolsa de tres corpos periciais especializados. O primeiro deles en urbanismo e contratación administrativa, o segundo en análise económica e contable, e o terceiro en materia de informática, que se poñan a disposición de todos os xulgados de instrución de Galicia e sexa difundida por medio das canles conveniadas co Consello Xeral do Poder Xudicial e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.