En Marea insta á Xunta a establecer un plan de mellora da rede de distribución de auga no conxunto do país en colaboración cos Concellos e FEGAMP

O grupo denuncia a inacción do Goberno galego durante todos estes anos para dar solución a un problema sobre o que a Axencia Europea do Medio Ambiente ven alertando desde hai anos.
Publicado por o día 02/09/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea insta á Xunta a establecer un plan de mellora da rede de distribución de auga no conxunto do país en colaboración cos Concellos e FEGAMP

En Marea ven de rexistrar no Parlamento de Galicia unha proposición non de Lei na que, entre outras cuestións, se insta á Xunta a establecer un plan de mellora da rede de distribución de auga no conxunto do país, en colaboración cos Concellos e a FEGAMP. Un informe a Axencia Europea do Medio Ambiente, alertaba sobre as consecuencias e riscos que o cambio climático tiñan para Galicia, dende o incremento do nivel do mar a elevación da temperatura media, pero sobre todo, pola diminución de precipitacións que podería chegar en pouco tempo ao 30 por cento en moitos meses. A pesar diso, hoxe Galicia continúa tendo os maiores focos de CO2 do estado e a nosa emisión de gases de efecto invernadoiro supón un 0,12 por cento do total mundial, cando apenas chegamos ao 0.045 da poboación total.

Pese a isto, a Xunta de Galicia non ten feito nada para evitar esta situación como denuncia o portavoz de En Marea, Luís Villares, e o deputado de En Marea, Marcos Cal, en moitos casos aprobando normativas que van no senso contrario, en consecuencia as súa políticas teñen contribuído a escaseza de auga dos últimos días, que afectan a correcta extinción dos lumes forestais, pero tamén de forma moi significativa ao subministro de auga potable en numerosos Concellos de Galicia. “A Xunta simplemente mira ao ceo a ver que pasa. O Seguinte paso: a danza da choiva” aseguran desde o grupo de En Marea.

A antiga concepción do noso país como excedente en reservas de auga, onde eran inimaxinable períodos de seca como os que estamos a  sufrir nos últimos anos, ten actuado sobre as políticas públicas, de forma que non se fomenta nin a súa conservación, nin un correcto uso da auga, ocupándose unicamente a Xunta de plan de emerxencia e actuación ante a concorrencia desta situación, esquecendo unha vez mais as necesarias políticas de prevención.

Dende o grupo parlamentario de En Marea queren poñer o foco sobre unha situación concreta, que é preocupante e absolutamente desatendida polo Goberno Galego, Galicia con Asturias presenta as peores taxas de eficiencia da rede de subministro de Auga do conxunto do Estado, con taxas inferiores ao 60 por cento e moi próximas ao 50 por cento na maioría dos casos. Isto quere dicir que o 50 por cento das nosas reservas de auga pérdense durante o transporte dende as captación ata os fogares ou industria. Durante anos isto non era un problema xa que salvo cuestión excepcionais o subministro esta garantido polas condicións do noso país, pero hoxe fanse necesarias medidas correctoras que melloren estes índices.

Por todo o exposto o Grupo Parlamentar de En Marea, rexistrou unha proposición non de lei para o seu en Pleno na que se insta a Xunta de Galicia a:

a) Establecer un plan de mellora da rede de distribución de auga no conxunto do país, en colaboración cos concellos e a FEGAMP que contemple entre outras as seguintes accións.

b) Renovación da redes e contadores,  uso de aplicacións de xestión de caudal en tempo real.

c) Elaboración de mecanismos e equipos de control de fugas.

d) Redución do  consumo non rexistrado.

e) Implantación de sistemas de vixilancia da rede de distribución con prelocalización.

f) Establecemento de plans periódicos de inspección e control das redes de distribución.

g) Campañas de comunicación antifraude e de uso correcto da rede.

h) Plans de revisións de consumos sospeitosos.

i) Avaliacións periódicas do resultado do plan.