En Marea insta á Xunta a poñer en funcionamento o Centro de día de Cambados e a construír un en Rianxo

As iniciativas foron defendidas polas deputadas Eva Solla e Paula V. Verao na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego.
Publicado por o día 08/06/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea insta á Xunta a poñer en funcionamento o Centro de día de Cambados e a construír un en Rianxo

A deputada de En Marea Paula V. Verao dende a Comisión de Sanidade e Políticas Sociais do Parlamento de Galicia demandoulle esta tarde á Xunta de Galicia que axilice os trámites para poñer en funcionamento o Centro de día de Cambados durante este ano 2017. “En novembro de 2016 a Xunta comprometeuse a abrir o centro o antes posible, sinalando a data de marzo de 2017”, indicou a parlamentaria, pero “ata agora o centro permaneceu pechado co conseguinte deterioro das súas instalacións.

En marzo de 2017, a Xunta e o Concello de Cambados asinaron un convenio para sacar a concurso a compra de material para o centro, achegando o Concello 20.000 euros.  Pero o departamento autonómico segue sen concretar ao Concello un prazo para a apertura do Centro de Día, pese aos continuos requirimentos por parte da administración local. Hoxe o DOG publica a licitación do mobiliario.

“Parécenos moi cuestionable que a Xunta non respondese aos requerimentos do concello de Cambados e empregue a cidadanía como refén para facer oposición a un concello que mudou de cor política nas últimas eleccións municipais”, denunciou a deputada de En Marea.

Centro de día de Rianxo

Na mesma comisión de Sanidade e Políticas, a deputada e vicepresidenta da Mesa do Parlamento, Eva Solla, defendeu unha proposición non de lei na que reclamaba a construción dun centro de día na localidade de Rianxo. “Hai multitude de familias que precisan este recurso, pois hai unha elevada porcentaxe de xente maior”, sinalou a parlamentaria, que lembrou que a súa creación é unha vella demanda da vila que a Xunta desoe, malia comprometerse a crealo en 2006.

Perante a negativa do PP a apoiar a proposta de En Marea, Eva Solla amosou a súa sorpresa “pois non podemos comprender a súa oposición á construción dun centro que a Xunta prometera hai máis de dez anos”. “Tampouco entendemos por que non dan a cara cando é a propia veciñanza a que se está mobilizando e recolleu máis de 3.000 sinaturas que presentou en San Caetano”, denunciou a parlamentaria.

O PP votou en contra das dúas iniciativas de En Marea, que quedaron rexeitadas malia contaren co apoio de BNG e PSdeG.