En Marea insta á Xunta a traballar pola igualdade efectiva apostando por acabar coa fenda salarial e involucrando nesta tarefa aos homes

Publicado por o día 28/02/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea insta á Xunta a traballar pola igualdade efectiva apostando por acabar coa fenda salarial e involucrando nesta tarefa aos homes

O grupo parlamentario de En Marea preguntará ao presidente da Xunta de Galicia no vindeiro pleno polas accións que está a desenvolver o Goberno galego para acadar a igualdade real entre homes e mulleres. O portavoz parlamentario Luís Villares destacou na rolda de prensa posterior a xunta de voceiros, a necesidade de avanzar cara acabar coa brecha salarial ao tempo que se actúa tamén no ámbito dos homes para lograr unha concienciación cara a igualdade efectiva. Así, preguntará ao Goberno que medidas ten previsto impulsar para que os homes avancen neste ámbito asumindo dereitos que son tamén obrigas como pode ser a corresponsabilidade no coidado dos nenos. “Non estamos a falar de condescendencia senón xustiza“ sinalou Luís Villares.

No vindeiro pleno En Marea apoiará, así mesmo, a proposta internacional con motivo do 8 de marzo de levar a cabo un paró feminino entre as 12 e 12.30 horas co obxetivo de dar visibilidade ao imprescindible papel das mulleres xa que “sen as mulleres a nosa sociedade non funcionaria“.

Outros dos temas que En Marea levará ao pleno da vindeira semana terán que ver co sistema sanitario público do noso país, e concretamente coa área sanitaria de Pontevedra. “No anterior pleno preguntamos directamente a Feijóo pola desastrosa xestión sanitaria en Ourense e Santiago de Compostela. Negou en sesión plenaria os problemas denunciados pero ao día seguinte substituíron a ambos xerentes co que confirma que algo mal estaba a suceder“ declarou Villares que aclarou que a oposición exercida polo seu grupo parlamentario é sempre “en positivo e construtiva poñendo os problemas reais enriba da mesa para que poidan ser arranxados“.

En Marea preguntará tamén pola conxelación das oposicións en Educación no que o portavoz parlamentario declarou que despois da desfeita en persoal educativo que provocou unha falla de profesorado para cubrir un dereito fundamental como é a educación, agora pretenden culpar desta conxelación a quen non está a gobernar obviando a responsabilidade dos que si están. Ao respecto lembrou a potestade do Goberno galego para manter a convocatoria e a obriga de garantir o principio de acceso á función pública e cubrir de xeito suficiente e eficaz os servizos públicos.

A transparencia e rexeneración democrática será outro dos temas que En Marea tratará na sesión plenaria para o que solicitará a creación fiscalía anticorrupción para Galicia. “Despois da acción esperpéntica protagonizada polo Ministro de Xustiza indicando que debía e que non os fiscais, o que condiciona o que ten que facer ou non, queda de manifesto que non está funcionando o Ministerio de Xustiza á altura do que se espera del por iso pedimos a súa dimisión“ afirmou Villares. A isto súmase as denuncias formuladas relativas ás presións que están a sufrir os fiscais e tamén debido á situación no noso país no tema corrupción En Marea considera imprescindible a creación desta Fiscalía para unha maior efectividade do ministerio fiscal

Outras preguntas de En Marea para o vindeiro pleno polas actuacións previstas polo Goberno galego en relación as irregularidades na concesión do concurso de ambulancias do 061. En relación á ordenación e vertebración do territorio tratarase a tramitación da Lei da AP-9 que unha vez máis En Marea apoiará e confía que desta vez Feijóo aproveite esta “nova oportunidade para se comportar como presidente de Galicia nestes vindeiros 100 días, algo que non fixo nos anteriores“. “Ten unha nova oportunidade de acadar de xeito real a transferencia da AP9“ incidiu o portavoz.

Por último, o grupo parlamentario levará a pleno a intención de suprimir a venda de billetes en determinadas estacións rurais do país. A este respecto, Villares salientou a importancia do transporte ferroviario “non só do AVE“ polo que asegurou é preciso articular completamente o país en materia ferroviaria e os espazos interiores de Galicia. E a suspensión da venda de billetes en estacións rurais ían precisamente no camiño contrario. “En Marea cando gaña oportunidade a gobernar poremos en marcha un sistema ferroviario adecuado e eficiente que dea servizo“ concluíu o portavoz parlamentario de En Marea.