En Marea instará ao Goberno que se persoe na causa xudicial dos mariñeiros do Long Hope

Publicado por o día 12/04/2016 na sección de En Marea,Política

En Marea instará ao Goberno que se persoe na causa xudicial dos mariñeiros do Long Hope

En Marea xunto co resto do grupo confederal -Podemos e En Comú Podem- instará ao Goberno dende o Congreso e dende o Senado que faga un posicionamento público a favor dos mariñeiros da Asociación Long Hope aos que o goberno noruegués lles nega as pensións tras máis de 50 anos traballando e cotizando alí co pretexto de que o facían en alta mar. Ademais, presentarase unha proposición non de lei no Congreso e unha moción no Senado solicitando que o Goberno español se persoe na causa xudicial que estas 12.000 familias manteñen aberta co Goberno de Noruega.

O portavoz da Asociación Long Hope, Alberto Paz, informou aos parlamentarios do aprazamento do proceso xudicial solicitado por Noruega e denunciou duramente a postura indiferente do Goberno perante este problema que afecta a 8.000 familias galegas (12.000 no conxunto do Estado) que si teñen o apoio dos sindicatos noruegueses.

Na xuntanza, na que participaron os parlamentarios de En Marea, Vanessa Angustia e David Bruzos, ademais da deputada de Podemos Carolina Bescansa e o senador de En Comú Podem Óscar Guardingo, tamén se acordou solicitar a comparecencia do Ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel García-Margallo, para que informe do posicionamento e das accións que ten previsto levar a cabo o seu departamento para resolver este conflito.

Esta tarde ás 19.30h terá lugar unha nova manifestación, neste caso convocada pola Marea Granate, diante da embaixa de Noruega en Madrid.

PRENSA EN MAREA