EN MAREA intervén no Congreso para falar sobre financiamento autonómico

Yolanda Díaz afirma no Congreso dos Deputados que non existe un problema de gasto público no Estado senón de ingresos públicos.
Publicado por o día 19/10/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

EN MAREA intervén no Congreso para falar sobre financiamento autonómico

A deputada de En Marea anima a PP e PSOE a que inicien os cambios constitucionais necesarios para garantir e mellorar a calidade de vida da cidadanía.

Yolanda Díaz interviu este martes no Pleno do Congreso dos Deputados para falar de financiación autonómica.

A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, interviu esta tarde no Pleno do Congreso dos Deputados defendendo a postura do Grupo Confederal Unidos Podemos – En Comú Podem – EN MAREA, sobre  financiación autonómica, ao fío da Proposicion non de Lei presentada polo Grupo Parlamentario Socialista sobre “o inicio do procedemento para a reforma do sistema de financiación autonómica”.

Yolanda Díaz destacou na súa intervención que o modelo de financiamento autonómico que existe ata o de agora só “conseguiu efectos perversos: favoreceu que non exista unha equidade horizontal, foi desigual e ademáis, lonxe de garantir a descentralización organizativa e de garantir a autonomía, provocou un proceso de recentralización e perda de autogoberno”.

Asemesmo, a deputada de En Marea afirmou que ante esta situación “estamos diante dun Partido Popular ineficaz e chantaxista: ineficaz porque non foi quen de levar adiante a reforma lexislativa e chantaxista porque empregou a financiación autonómica como unha arma arroxadiza fronte ás propias comunidades autónomas, que son as que prestan os servicios públicos fundamentais”.

A este respecto, Díaz sinalou que debemos recoñecer que o sistema fallou, que “chegamos aquí bebendo das fontes do bipartidismo, e que foron os consideramos ata o de agora os dous grandes partidos os que consumaron esta situación”.

Ademáis, Yolanda Díaz destacou na súa intervención no Pleno do Congreso dos Deputados que no eido da financiación hai un elemento central que ten que ver coa política dos ingresos públicos, facendo fincapé en que “no noso país, non desde a crise, senón xa desde antes, en España non existe un problema de gasto público como afirma Montoro, o que temos é un problema de ingresos públicos, e o que teñen provocado, tanto PSOE como PP é unha auténtica desfiscalización en España, onde estamos aínda a 8 puntos de presión fiscal da media europea”.

No seu ataque ás políticas desenvolvidas polo PP, Díaz sinalou que o Goberno de Rajoy “baixou os impostos directos, subiu os indirectos, fixo regalos fisicais, e unha aministía fiscal para os seus amigos os corruptos e os delincuentes”.

A deputada de En Marea resumiu a política seguida polo PP no que a financiamento autonómico se refire, como “a política das tres R’s:  Reduciron o estado de benestar, Recortaron o gasto público e recentralizaron o proceso”.

A esta Proposición Non de Lei presentada polo PSOE, o Grupo Parlamentario UP-EC-EM presentou tres enmendas: a primeira tiña que ver coa supresión dos servicios esenciais, xa que “consideramos que na nova revisión do sistema debería definirse a nivelación e que grado queremos soster”. Na segunda enmenda “pedimos que xunto co texto constitucional que se inclúa como un elemento normativo os propios estatutos de autonomía, os de segunda xeración e os anteriores”. E na última e como elemento central “entendemos que debe producirse dunha vez por todas a segunda descentralización, é necesario que os concellos gocen da necesaria financiación autonómica”, sinalou Yolanda Díaz na presentación das mesmas.

Yolanda Díaz rematou a súa intervención destacando que “falar de financiación é falar do estado de benestar, do estado das autonomías, do Estado, en definitiva, é falar do Título Octavo da Constitución Española, un texto que se pode definir como monárquico, antifederal, bipartidista e oligárquico”. Ante isto, “dígolles aos homes e ás mulleres do PP e do PSOE que se atrevan, que sexan valentes, e que entre todas e todos emprendamos os cambios constitucionais necesarios e tamén de financiación para garantir e mellorar a calidade de vida dos cidadáns”, sentenciou Yolanda Díaz.