Para En Marea legalizar os ventres de alugueiro sería “como regularizar a mercantilización do corpo da muller”

Un documento recolle as conclusións unánimes dun debate que En Marea desenvolveu en asembleas realizadas por toda a xeografía galega.
Publicado por o día 12/06/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

Para En Marea legalizar os ventres de alugueiro sería “como regularizar a mercantilización do corpo da muller”

Conscientes da complexidade e da polémica que suscita no ámbito do Dereito de Familia unha posible legalización dos ventres de alugueiro no Estado español, En Marea vén de concretar o seu posicionamento nun debate central desenvolvido esta fin de semana en Compostela, logo dun proceso exemplar e participativo de asembleas abertas que se celebraron por todo o país durante os últimos dous meses.

“Asistimos a unha nova volta de torca na mercantilización dos corpos das mulleres, de novo, baixo os parámetros da súa función reprodutiva”. Este é un dos argumentos contrarios á súa legalización recompilados no documento de conclusións aprobado por unanimidade, que tamén defende o emprego do termo ventres de alugueiro fronte ao de xestación subrogada para focalizar a compoñente mercantilista do proceso e “o emprego do corpo da muller coma se fora un medio de produción”, sen obviar que non estamos exclusivamente perante un tratamento médico e en ningún caso comparable a unha técnica de reprodución asistida.

Por outra banda, En Marea non é allea aos intereses que se agochan tras un debate no que “é preciso aclarar os conceptos”, pois en moitos casos o que trascende é “un relato incompleto e sesgado”. “Son moitos os eixos e perspectivas que debemos ter en conta neste debate e un dos fundamentais, que determinará posicionamentos posteriores, pasa pola concepción que temos da maternidade e da paternidade, pois estas non poden ter a categoría de dereitos, e non deben misturarse co dereito á reprodución, xa recoñecido.”

Ademais, invocar á liberdade individual neste contexto “non deixa de ser unha falacia”, pois segundo o documento final de En Marea “estamos inmersas nun modelo de consumo acrítico, onde todo queda subalternizado á capacidade de pagar para satisfacer estes desexos e onde o único dereito que semella ser respectado en todas as circunstancias é o de poder consumir.”

“Son moitas as axencias intermediarias privadas que poderían beneficiarse de levarse a cabo unha regulación”, engade o documento, que tamén alerta do risco de que a perversa ideoloxía neoliberal favoreza un novo mercado no que as mulleres máis pobres acaben alugando os seus corpos a persoas con máis recursos.

 É por iso polo que dende o grupo de Igualdade, que coordinou este debate por todo o país, dan a coñecer estas conclusións “atravesadas pola perspectiva feminista” e explican que na oposición de En Marea á legalización dos ventres de alugueiro está a vontade “de defender os dereitos das mulleres e opoñerse a calquera práctica que os poida vulnerar, coma consideramos que o é esta.”