En Marea levará ao Parlamento as reclamacións das veciñas de Cesantes

O deputado Marcos Cal visitou cos colectivos veciñais os puntos máis conflictivos da localidade.
Publicado por o día 09/06/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea levará ao Parlamento as reclamacións das veciñas de Cesantes

O deputado Marcos Cal xunto coas veciñas de Cesantes realizou un percorrido polos puntos conflictivos da localidade, aqueles que precisen de intervención polo abandono ou a mala planificación. Os veciños levan anos plantexando estas mesmas demandas sen obter resposta. Estas demandas serán levadas ao Parlamento de Galicia por En Marea.

Un dos puntos comprometidos de Cesantes é a estrada N550 que atravesa a localidade. Unha vía cunha enorme intensidade de tráfico que cruza polo medio da parroquia e que non ten ningún tipo de medidas para calmar ese tráfico. A vía non ten beirarrúas suficientes, faltan pasos de peóns seguros e non conta con semáforos operativos que regulen a intensidade do tráfico ou faciliten o paso dos peóns. A estrada tampouco conta con cambio de sentidos en 4 Qm. Esta situación de perigo para peóns e condutores está agravada na zona na que se concentran a maior parte dos servizos e onde morreron dúas personas nos últimos dous anos. Tamén é problemático o acceso ao CEIP Outeiro das Penas, un centro no que os autobuses escolares entran marcha atrás no recinto o que causa situacións de alto risco para os alumnos e profesores do centro.

Outro punto negro de Cesantes e a contorna da praia e a enseada de San Simón. A pesar da historia e valor ecolóxico da zona e de contar con protección medioambiental ao formar parte da Rede Natura, están afectados de verquidos que a Administración non está facendo nada por evitar. A mala xestión das augas residuais provoca que os días con choiva se produzan vertidos directos de residuais nesa contorna, incluído un parque infantil próximo á praia.

Ademais estase producindo un cambio nas correntes mariñas que está afectando de maneira seria aos bancos marisqueiros. Cesantes conta con preto de 120 mariscadoras. Tamén se está producindo unha perda progresiva de areal e a non reconstrución do peirao que existía nesta parte de Cesantes. Os veciños levan anos reclamando a conservación desta zona da enseada e a praia que ten valor ambiental e grandes posibilidades como espazos públicos, demandas que serán reclamadas tamén por En Marea no Parlamento de Galicia.