En Marea manterá a porta aberta a Podemos ata o último minuto

Publicado por o día 12/08/2016 na sección de En Marea,Podemos,Política

En Marea manterá a porta aberta a Podemos ata o último minuto

A Coordinadora de En Marea mantén a porta aberta a Podemos para que se integre no proxecto de En Marea en igualdade de condicións e respectando os acordos xurdidos da constituínte de Vigo.  Os alcaldes de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, de A Coruña, Xulio Ferreiro, e de Ferrol, Jorge Suárez, ofreceron unha comparecencia  esta mesma tarde para informar da vontade de En Marea de continuar coas conversas e manter esta porta aberta ata o último minuto. Suárez recoñeceu na súa intervención que durante as conversas mantidas no día de onte “non houbo acordo pleno” pero sinalou que o importante agora é “falar de política e dos problemas do país, ese é o camiño a percorrer e por iso tentaremos ata o final construír unha alternativa que vai máis alá dunha papeleta”.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, pola súa banda destacou que asegurar a igualdade de condicións e a conformación do suxeito político de En Marea “é irrenunciable”. A coordinadora de En Marea continuará na tarde de hoxe “intentando avanzar para que a integración se poda facer do xeito máis favorable para todos e todas”. “Hai bos sinais por parte de Podemos, como a aceptación do candidato de consenso, Luis Villares, o candidato de todos e todas, ou que acepte un sistema de primarias establecido na constituínte de Vigo. Os seguintes pasos a dar pasan por establecer a fórmula que saíu da constituínte de Vigo, diso estamos falando buscar a fórmula na que todos nos sintamos cómodos e satisfeitos” explicou Ferreiro.

Ante a posibilidade de abrir un novo período temporal para permitir a presentación de candidaturas de Podemos, Jorge Suárez, indicou que “xa abrimos 24 horas excepcionais para que Podemos se integrase en igualdade de condicións, se existe boa vontade para chegar acordos e sumarse aos acordos políticos a coordinadora podería abrir un período de gracia para que as candidaturas de Podemos poidan presentarse no modelo que temos de cooperación non competitiva”.

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, destacou que non se trata dunha cuestión xurídica senón política. “Estamos a falar dun espazo en condicións de igualdade a hora de participar, de que se asuma que este é un espazo para operar politicamente que ten uns principios no que unha persoa é un voto, da igual á orixe. Non estivemos en posición de negociación senón exportar o modelo que funcionou nas candidaturas municipalistas e ese espazo é no que estamos traballando”.