En Marea mantivo un Encontro aberto coa cidadanía da comarca do Deza en Lalín para presentar o seu programa para un país xusto

Luís Villares: “Nós si apostamos por Galicia cun proxecto en clave de radical compromiso coa xustiza social fronte ao programa impostor de Feijóo”
Publicado por o día 05/09/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea mantivo un Encontro aberto coa cidadanía da comarca do Deza en Lalín para presentar o seu programa para un país xusto

En Marea achegouse esta tarde a Lalín para celebrar un encontro aberto coa cidadanía no que o candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares, xunto coa cabeza de lista por Pontevedra, Carmen Santos, o número 2, Marcos Cal, e a número 3, Eva Solla. No acto presentouse o programa de En Marea “comprometido cun país máis xusto” e fronte o programa do “impostor de Feijóo, vendedor de preferentes que quere facernos crer que se preocupa polo seu país cando dixo hai uns meses que quería marchar de Galiza para Madrid ou para ser conselleiro delegado dalgunha multinacional”. “Nós si apostamos por Galicia cun proxecto en clave de radical compromiso coa xustiza social” afirmou Luís Villares.

En Marea presentou deste xeito á cidadanía da comarca do Deza o seu programa especialmente a parte dedicada a medio rural, destacando a aposta polo sector lácteo e pola industria da transformación dos produtos lácteos para que as rendas agrarias se vexan incrementadas. En segundo lugar, unha proposta na que se poña en valor e a funcionar o Banco de terras de Galiza e poder ter a capacidade de ter maior superficie agraria útil para as explotacións que non cumpren cos todos requisitos. En materia forestal,  o candidato á presidencia de En Marea destacou unha proposta para facer do monte abandonado un monte produtivo que combine os valores ecolóxicos e económico, e tamén evitar os incendios forestais. Todo isto co obxectivo de acadar un país xusto.

A cabeza de lista por Pontevedra, Carmen Santos, denunciou o ataque irracional e indecente que se está a facer contra todo o que ten que ver co público por parte dos gobernos do Partido Popular. Sector do mar, sanitario, lácteo todos os sectores tiveron que saír a rúa para tentar parar a destrución do PP” denunciou a cabeza de lista. “Estamos fartos das redes clientelares, estamos fartos da corrupción e das políticas contra a maioría social” afirmou Carmen Santos “e con nós está unha marea de xente que acabará con este tipo de practicas no vindeiro goberno da Xunta con Luís Villares como presidente” concluíu.

O número 2, Marcos Cal, asegurou que o caos do que fala o PP non é outro que eles mesmos e as súas políticas contra maioría social. “As privatizacións da sanidade, as do traballo precario, da desigualdade, da destrución das caixas de aforros, dos enfermos de hepatite C que morren por non poder acceder aos medicamentos, dos montes queimados pola privatización dos servizos de extinción, da prórroga a Ence por 60 anos máis despois de que altos cargos do PP en Galicia e no Estado entren no equipo de dirección da empresa” denunciou o número 2.

A número 3 de En Marea por Pontevedra, Eva Solla, destacou que o traballo de En Marea chegará á Xunta de Galicia para aplacar as políticas do medo do Partido Popular.