En Marea na investigación das Caixas: “Cando te estafan 9.000 millóns de euros tes o dereito a saber quen foi”

En Marea presentou este luns o plan de traballo da Comisión de Investigación sobre a crise financeira na que “queremos depurar responsabilidades políticas pero tamén penais”.
Publicado por o día 19/06/2017 na sección de En Marea,Política

En Marea na investigación das Caixas: “Cando te estafan 9.000 millóns de euros tes o dereito a saber quen foi”

A deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, xunto co deputado no Parlamento, Manuel Lago, presentaron este luns o plan de traballo da Comisión de Investigación sobre a crise financeira que se levará a cabo no Congreso dos Deputados.

Desde En Marea consideramos o caso das caixas de aforros galegas “como paradigmático do proceso de expolio e estafa ocorrido a nivel xeral, que deu pé á xestación da crise”, afirmaron os deputados.

“Nada ten estafado máis á cidadanía que o sistema financeiro. O rescate foi unha estafa, 60.000 millóns que non serán recuperados, segundo o informe do Banco de España, 9.000 no caso de Galicia. Cando nos estafan, temos dereito a saber quen foi”, insistiu o deputado Manuel Lago, que denunciou que o Partido Popular “mostra unha vontade clara de ocultación, onde Galicia rexeitou que houbese novas comparecencias na Comisión de investigación, mostra da complicidade da Xunta e de Feijóo”.

Agora, desde En Marea propoñemos un tratamento en profundidade dos casos concretos das caixas de aforro galegas, Caixanova e Caixa Galicia, fusionadas en NovaCaixaGalicia, despois convertida en Novagalicia Banco, que foi nacionalizada, saneada con fondos públicos e finalmente privatizada, dando lugar á actual entidade Abanca.

Na Comisión, que se levará a cabo no Congreso dos Deputados, terá representación En Marea, a través da súa deputada Yolanda Díaz, que formará parte da secretaría da Mesa.

“A Comisión de Investigación é posíbel grazas a unha nova correlación de forzas no Congreso. Na lexislatura anterior intentouse, pero a maioría do PP non permitiu que saíra adiante”, insistiu Díaz na rolda de prensa.

A parlamentar advertiu que tanto o PP como o PSOE están interesados en convertir a comisión “nunha comisión de expertos” sen “responsabilidades políticas nin penais” mentras que En Marea defende que teñen que ser ambas opcións.

“Temos un debate fondo, queremos que as comparecencias sexan a modo de interrogatorio. Pretendemos desvelar aos sátrapas que causaron un destrozo no sistema financeiro, aos responsables de que perdamos o sistema financeiro galego”, asegurou Díaz.

No Plan de Traballo elaborado por En Marea proponse que no panel de comparecentes non só figuren os responsables de caixas de aforros e bancos, autoridades reguladoras e supervisoras, senón un grupo nutrido de expertos independentes e especialistas críticos, representantes de traballadores/as e consumidores/as do sector, e representantes de plataformas e colectivos sociais, tales como as de afectados polas diferentes prácticas perversas realizadas polas entidades financeiras.

Esta proposta realízase baixo a consideración de que a a soa comparecencia de persoalidades implicadas directamente na xestación da crise, a súa falsa resolución, o rescate ou a privatización das caixas, entre outras cuestións a tratar, daría unha visión sesgada do acontecido que impediría o discernimento das prácticas ilexítimas e ilegais desenvoltas e das responsabilidades que de elas se derivan.
Polo tanto, o plan de traballo presentado dende En Marea divídese en tres bloques:

“Pedimos comparecentes vinculados coa xestión directa das entidades financeiras; pedimos a comparecencia de Feijóo porque non se fixo público o expediente administrativo que avalaba a fusión das caixas, cando xa se sabía que estaban quebradas, e finamente pedimos a comparecencia de expertos e expertas”.

“Queremos depurar responsabilidades, tanto políticas como penais. Poden derivarse responsabilidades penais das propias comisión”, concluiu a deputada.