En Marea obriga á Xunta a posicionarse por primeira vez sobre Pescanova cunha pregunta urxente no Parlamento de Galicia

Paula Quinteiro: “Xa que defenden que Pescanova é unha empresa estratéxica para Galicia, dende a Xunta deben xogar un papel activo e impulsar un acordo que defenda un emprego digno con dereitos”.
Publicado por o día 22/03/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea obriga á Xunta a posicionarse por primeira vez sobre Pescanova cunha pregunta urxente no Parlamento de Galicia

A deputada de En Marea Paula Quinteiro foi a encargada de formularlle a pregunta ao Goberno galego sobre o conflito laboral de Pescanova.  “Non poden actuar como se este conflito non existira despois de máis de 10 meses e a súa omisión neste asunto resulta en realidade un apoio á precarización e perda de dereitos das traballadoras e traballadores”, interpelou Quinteiro.

Para En Marea a situación actual de Pescanova, cunha negociación do convenio laboral que precariza e empeora as condicións laborais e económicas dos traballadores, responde a unha fórmula ensaiada xa noutras empresas e responde a decisións políticas. “Por iso lles pregunto se van enfrontar directamente o conflito laboral aberto en Pescanova, sen van defender os dereitos e as condicións de traballo dignas na empresa”, apelou a deputada de En Marea ao conselleiro de Economía Francisco Conde.

Pescanova foi unha das empresas galegas máis subvencionadas con cartos públicos, especialmente en masivas subvencións a plantas de acuicultura. Ademais, a Xunta achegou de xeito directo 5 millóns de euros para rescatar a empresa trala súa creba. “Lembremos os sacrificios do persoal mentres ex directivos gañaban millóns de euros días antes do preconcurso de acredores,  así que agora a Xunta debería obrigar á dirección a rectificar a súa postura de bloqueo e volver á mesa de negociacións cos traballadores e traballadoras”.

“Xa que  vostedes afirman que Pescanova é unha empresa estratéxica para o país, actúen por tanto con responsabilidade, establecendo medidas para desbloquear as negociacións e impulsar un acordo que defenda nas factorías un emprego digno con dereitos”, concluíu Quinteiro.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, que comezou cualificando a intervención de Quinteiro de “demagóxica e irresponsable” respondeu pedindo “prudencia aos grupos políticos” e acusando a En Marea de politizar “unha situación que hai que deixar onde está nestes momentos, que é na mediación”.  “Vostede vén a dividir a esta Cámara, e nós como Xunta de Galicia xa temos actuado e seguiremos ó carón dos traballadores e de Pescanova, pedíndolle responsabilidade ás dúas partes”.

Na interpelación Paula Quinteiro preguntoulle “se lle parece oportuno pedir prudencia cando se está falando de rebaixarlle o salario aos traballadores ata un 40% e con quendas de luns a domingo”.