En Marea pedirá explicacións a Feijóo pola súa pasividade ante a desaparición do sistema financeiro galego

O voceiro de En Marea, Luís Villares, informou tras a xunta de voceiros dos asuntos que o seu grupo levará ao vindeiro pleno da Cámara.
Publicado por o día 13/06/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea pedirá explicacións a Feijóo pola súa pasividade ante a desaparición do sistema financeiro galego

En Marea preguntará ao presidente da Xunta de Galicia polo “novo espolio” que supuxo a venda do Banco Popular-Pastor e que provocou a total desaparición do sistema financeiro galego. O voceiro de En Marea, Luís Villares, informou tras a xunta de voceiros desta mañá no Parlamento de Galicia dos temas que o seu grupo levará ao vindeiro pleno da Cámara. A venda desta entidade bancaria é un dos temas que preocupan especialmente aos deputados e deputadas de En Marea na actualidade en primeiro lugar polo importante risco que pode ter en materia de emprego xa que traerá consigo despedimentos en Galicia. En segundo lugar, preocupa o servizo que vai ofrecer a nova entidade xa que esta venda traerá consigo peche de oficinas sobre todo no rural. Pero tamén ás claves e actuacións detrás desta operación. Por este motivo, En Marea preguntará ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, pola súa valoración ante esta operación especulativa, as actuacións levadas a cabo pola Xunta, e as medidas que vai impulsar para garantir o mantemento dos postos de emprego, a prestación de servizo e a defensa dos pequenos aforradores galegos.

Luís Villares referiuse tamén da petición conxunta do PSOE e BNG para que Feijóo dea conta do acontecido co Banco Popular-Pastor. Unha petición que foi negada polo Partido Popular. “Non é normal a pasividade do Goberno galego ante unha anomalía como a que se da en Galicia como é a desaparición do sistema financeiro galego desde a chegada de Núñez Feijóo. Algunha responsabilidade albergará dentro desta perda” salientou.

Creación dunha Fiscalía anticorrupción

O grupo de En Marea presentará no vindeiro pleno tres Proposicións non de Lei. A primeira delas a petición de creación da Fiscalía anticorrupción para Galicia. “A situación de ingobernabilidade do Estado pola corrupción dun partido no que non hai casos illados, senón que se trata dun entramado completamente corrupto que ocupa institucións para o seu beneficio particular” denunciou o voceiro de En Marea.

Esta situación e os datos das causas abertas en Galicia por casos de corrupción, xustifican a creación desta Fiscalía. Unha necesidade que foi salientada polo Fiscal Superior en Galicia actual e anterior, e o propio Fiscal Superior do Estado considerou apropiado e dixo que se vería con bos ollos. O PP sempre negou esta posibilidade. A creación dunha Fiscalía anticorrupción en Galicia permitiría facilitar os medios para levar a cabo as investigacións en tempo e áxil en todos estes casos.

Estudar o custe real de rescatar a AP-9

En Marea presentará unha proposición non de Lei na que se propón a elaboración dun estudo para que nun máximo de tres meses se elabore un estudo de viabilidade para saber o custe económico, o impacto nas tarifas para o público, e a busca de posibilidades de financiamento do rescate para o público da AP-9. “En Marea considera que serían asumibles pero cremos necesarios que a Xunta de Galicia faga un estudo con datos concretos” declarou Luís Villares.

Galicia, a cabeza da perda de emprego

No relativo ás interpelacións, En Marea preguntará ao Goberno da Xunta de Galicia pola evolución anómala do emprego no noso país onde lideramos a perda de postos de emprego, a segunda que máis aumenta no paro e a que máis poboación activa está a perder.

Denuncias e propostas en defensa do Medio Ambiente

O grupo parlamentario de En Marea presentará unha serie de iniciativas nas que se pedirá explicacións ante a situación de contaminación do río Pesqueiras no sur de Lugo ou a cementeira de Narón. Pero tamén levará ao pleno da Cámara unha moción orientada a reducir a emisión de gases contaminantes.

O desprezo de Feijóo por Portugal

Por último, o grupo de En Marea preguntará ao Goberno galego pola ausencia de representación algunha no Congreso do Eixo Atlántico celebrado en Portugal a semana pasada por parte da Xunta de Galicia. Unha cita na que si estivo presente En Marea e onde o voceiro de En Marea tivo a oportunidade de compartir e debater co primeiro Ministro de Portugal, António Costa, sobre as inquedanzas de ambos países no relativo á melloras de infraestruturas que conecten Galicia e o Norte de Portugal pero tamén medidas de impulso para ambas zonas. Un Congreso ao que pese a súa importancia, o Goberno da Xunta de Galicia optou por non enviar a ningún representante.