En Marea pedirá no Parlamento medidas urxentes de saneamento na ría de Noia para protexer os seus bancos marisqueiros

Por o 17/11/2016 | Sección: A Coruña,En Marea,Galicia,Política,Vigo
En Marea pedirá no Parlamento medidas urxentes de saneamento na ría de Noia para protexer os seus bancos marisqueiros

Esta mañá a vicevoceira de En Marea, Carmen Santos e os deputados da comisión de Pesca no Parlamento galego, Francisco Casal e Juan Merlo, trasladáronse ata a lonxa de Testal (Noia) para recoller as principais queixas dos profesionais do marisqueo na ría de Noia-Muros, que aseguran estar sufrindo unha das peores campañas dos últimos anos polas sucesivas mareas vermellas.

“Viñemos a preguntarlle a todos os mariscadores e mariscadoras como vai a campaña porque tralos sucesivos paróns causados pola toxina pois queremos saber  como afrontan a situación”, declarou Carmen Santos aos medios trala xuntanza. E engadiu que “hai causas das mareas vermellas que non se poden predicir de maneira exacta pero é sabido que non se están tomando as medidas preventivas suficientes para que poidan ser controladas de maneira máis eficiente”.

Un dos graves problemas que sofre a ría, segundo os profesionais do mar, é o deficiente estado das estacións depuradoras e as nefastas consecuencias do deficiente saneamento das augas nos bancos marisqueiros. “Nunha comarca coma esta, onde mil setecentas familias viven directamente desta riqueza natural e dun sector produtivo que tradicionalmente creou tantos postos de traballos debería ser unha prioridade absoluta”, reclamou a vicevoceira de En Marea.

En Marea tamén defende a necesidade de reforzar as medidas de control no etiquetado do marisco galego que garanta a orixe do produto.