En Marea pide ao Goberno que se elabore un regulamento para a protección dos edificios e casas fronte á exposición do gas radón

A deputada Alexandra Fernández considera que hai que abordar este tema sen alarmismos pero acadando unha normativa no Código Técnico de Edificación como existe noutros países desde hai tempo como en Irlanda, nos EUA ou en Reino Unido.
Por o 03/06/2017 | Sección: En Marea,Política,Vigo
En Marea pide ao Goberno que se elabore un regulamento para a protección dos edificios e casas fronte á exposición do gas radón

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, presentou unha iniciativa parlamentar no Congreso na que demanda a Fomento que elabore un regulamento para incorporar no Código Técnico para a Edificación para a protección dos edificios e inmóbeis fronte á exposición ao gas radón.

Lembra que no estado español exiten áreas xeográficas onde a exposición ao radón está moi estendida caso de Galiza, áreas de Castela León, Extremadura, Madrid ou zonas de Castela A Mancha, zonas onde predominan os solos graníticos. Hai informes da UE que indican que unha exposición constantes ao radón ten un risco elevado para a saúde humana, especialmente na derivación de cancro de pulmón.

Fernández explica que o gas radón emana á superficie a través de gretas, fisuras ou zonas permeábeis. A presenza do radón dentro das vivendas, de feito fanse desde hai tempo medicións en colaboración coas Universidades,  débese na maior parte a infiltracións do gas através do chán. “O radón pode penetrar nos edifcios por medio de aperturas por moi mínimas que sexan. De aí que a ventilación sexa fundamental”.

Hai normativa comunitaria

No que atinxe ao plano normativo, a deputada de En Marea lembra que existe lexislación comunitaria, a recomendación 90/143/EURATOM establece os níveis de concentración de gas radón, que nas vivendas de nova construción non debe superar os 200 becquerelios e nas vellas 400. A directiva europea obriga a facer medicións e a introducir códigos específicos nos códigos de edificación que eviten a entrada de radón. “O estado español non lexislou de xeito particular sobre o tema, e sabemos que desde 2014 Fomento ten pendente a elaboración dun regulamento e traspor a directiva comunitaria”.

Razón pola que dirixe ao Ministerio unha batería de preguntas para coñecer cal é o estado da custión: “Está o Ministerio a elaborar un regulamento ao respeito? Vai lexislar este ano sobre as normas para a protección dos edificios para a protección fronte ao gas radón? ¿Comparte que é unha cuestión que debe abordarse e regularse, sen alarmismos pero tendo en conta os riscos para a saúde humana? É consciente de que a OMS leva tempo alertando sobre os perigos de estarmos desprotexidos fronte ao radón?”

Salienta que noutros países existe lexislación sobre esta cuestión desde hai tempo como en Irlanda, en EE.UU que conta cunha normativa máis dura que a europea, ou no Reino Unido onde os níveis de medición do radón inflúen incluso no prezo para mercar unha casa.