En Marea pide ao Ministerio medidas urxentes para frear a praga da “avispilla” nos castiñeiros, afectados tamén polas xeadas

Alexandra Fernández pon de manifesto o impacto socio-económico que esta praga está a provocar no sector da castaña de Ourense, que tamén ven de sofrer polas xeadas
Publicado por o día 12/05/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea pide ao Ministerio medidas urxentes para frear a praga da “avispilla” nos castiñeiros, afectados tamén polas xeadas

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, presentou unha proposición non de lei na Cámara Baixa na que insta ao Ministerio de Agricultura e Pesca (MAPAMA) a adoptar medidas de carácter urxente destinadas a frear a extensión da praga da avispilla nos castiñeiros que está a producir grande perdas no sector da castaña.

Asemade, demanda que se axilicen os traballos e investigacións pendentes para o Plan de Continxencia, e que se poña en marcha un Programa de Control Biolóxico que permita o uso do axente de control biolóxico do paraistoide “Torymus sinensis”, o único método que se demostrou eficaz noutros estados como Francia, Italia ou Portugal.


Permitir soltas do parásito como control biolóxico

Alexandra Fernández que tamén presentou unha proposición non de lei para que se habiliten axudas aos sectores afectados polas xeadas de finais de abril, pide subvencións para os produtores da castaña afectados pola praga da avispilla. Demanda un control riguroso desta praga en constante coordinación coas CC.AA e co sector da castaña. Por último, plantexa ao MAPAMA que se leven a cabo campañas divulgativas sobre a praga destinadas aos produtores.

A deputada de En Marea traslada ao Goberno a importancia que o sector da castaña ten en territorios como o galego, en concreto en Ourense, o principal exportador. “A recollida e comercialización da castaña é unha actividade de grande peso en Galiza, onde se caracteriza pola venda en fresco e tamén polo proceso transformador que emprega a moitas persoas. É un sector que axudou a fixar poboación no rural en zonas tan despoboadas como Ourense”.

Mais, lamenta, a praga da avispilla “está a producir un enorme impacto económico, e medioambiental posto que afecta ao rico patrimonio forestal de soutos centenarios que aínda perviven na zona oriental de Galiza. Os bosques de castaños, os castiñeiros, son hábitats declarados de Interese Comunitario no marco da directiva da UE. Por iso a súa perda supón unha catástrofe ambiental”. Provoca perdas de entre o 50 e o 100% da producción de castañas e debilita as poboacións e cultivos.

Entre as peticións do sector, resalta Alexandra Fernández a urxencia en incentivar o método biolóxico, “a loita contra a praga através da sota do seu parásito: o “Torymus Sinensis”. Piden ao Ministerio quer permita o seu uso como axente de control biolóxico. A avispilla é unha especie invasora que procede de China e que se detectou por vez primeira en Galiza en 2014, e continúa a súa propagación.