En Marea pide a comparecencia no Congreso da SEPI e do presidente de Correos

Publicado por o día 07/06/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea pide a comparecencia no Congreso da SEPI e do presidente de Correos

A deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, solicitou esta semana no Congreso a comparecencia do presidente da Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos e a da presidenta da SEPI polo “desmantelamento” da empresa pública máis grande do Estado.

“O presidente de Correos  deberá responder na Comisión de Emprego e de Facenda polo proceso de desmantelamento e precarización do emprego que están sufrindo os traballadores e traballadoras de Correos”, sinala a iniciativa de En Marea no Congreso.

Este grupo denuncia o recorte de máis de 60 millóns de euros para a financiación deste servizo, ao que hai que engadir o que se mengua despois de que o PP aprobara unha emenda de Foro Asturias, para a redacción dun proxecto ferroviario, recortando un montante de 500.000 euros máis da partida destinada ao Servicio Postal Universal nos PXE 2017.

Polo tanto, a partida orzamentaria para a maior empresa pública non chega aos 120 millóns de euros, lonxe dos 290 millóns que Correos calcula que precisa para prestar o servizo de xeito eficiente.

“Esto, ademais de impactar negativamente na prestación do servizo aos cidadáns, afectará á propia xestión da empresa”, denuncia Díaz, que lembra que estes recortes afectarán directamente á poboación rural, que podería deixar de recibir diariamente o correo.

A deputada insiste en que, as consecuencias de todo isto, “derívanse na calidade da prestación do servizo”.

Para responder ante esta situación, tamén deberá comparecer a presidenta da Sociedade Estatal de Participacións Industriais, SEPI, á que pertence Correos.

Estas iniciativas, rexistradas “a petición dos traballadores e traballadoras” van na liña das xa presentadas no Congreso, como a PNL para instar ao Goberno a aprobar un novo plan de prestación do Servizo Postal Universal por parte de Correos, dotando dos recursos necesarios para que o servicio postal teña, realmente, carácter universal e garanta os dereitos da cidadanía a desfrutar do mesmo.

Ademais, pide reanudar as negociacións cos representantes das traballadoras/os de Correos para alcanzar un acordo e aprobar o IV Convenio Colectivo.