En Marea pide a Facenda que se respeten os dereitos lingüísticos dos galegos/as a ser atendidos en lingua galega

O deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, alude a un caso recente denunciado pola Mesa dunha persoa que pediu o borrador en galego e remitíronllo en español.
Publicado por o día 06/06/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea pide a Facenda que se respeten os dereitos lingüísticos dos galegos/as a ser atendidos en lingua galega

O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para demandarlle ao Ministerio de Facenda que respete os dereitos lingüísticos dos galegos e galegas a ser atendidos en lingua galega.

Miguel Anxo Fernán Vello alude a un caso recente denunciado pola Mesa pola Normalización Lingüística dunha persoa que pediu o borrador da declaración en galego e llo remitiron en español. Esta persoa decidiu chamar ao teléfono de atención de información para comunicar o equívoco e peder que se lle remitise en galego. A pesar de estar no seu dereito, recibiu un trato lamentábel por parte da operadora de Facenda, que se limitou a increparlle “se non entendía o español”.

Temos dereito a recibir os borradores da renda en galego

“Desde calquer punto de vista, o trato recibido por parte deste cidadán é absolutamente censurábel. A Administración Xeral do estado, como puxemos de manifesto en diversas iniciativas parlamentares anteriores, ten o deber de cumprir a legalidade vixente en materia lingüística, e as persoas destinadas por Facenda á atención dos cidadáns deben coñecer a legalidade estabelecida e non guiarse por xuizos de valor de carácter ideolóxico-persoal”, afirma Miguen Anxo Fernán Vello.

Para o deputado de En Marea, “lamentabelmente, esta situación non é nova. Repítese con demasiada frecuencia na xestión de trámites en Facenda”. Considera que “dado que este tipo de actitudes son recurrentes, sería pertinente que o Ministerio lembrase ao persoal encargado de atender as tramitacións da campaña da renda, o deber de cumplir os dereitos lingüísticos dos cidadáns”.

O parlamentar de En Marea insta ao Ministerio dar as instrucións precisas para que se remanten este tipo de actitudes intolerantes e irrespetuosas para coas linguas cooficiais.