En Marea pide a integración dos axentes medioambientais no servizo 112 de Galicia e denuncia o “apagón do colectivo” por parte da Xunta

Davide Rodríguez: “Son un dos piares do servizo para evitar o que pasou esta fin de semana, pero a Xunta está baleirando de funcións e dotacións o colectivo.
Publicado por o día 18/10/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea pide a integración dos axentes medioambientais no servizo 112 de Galicia e denuncia o “apagón do colectivo” por parte da Xunta

En Marea trasladou hoxe ao Parlamento a necesidade de restituír as competencias e funcións do corpo de Axentes Medioambientais, dependentes da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e da Consellería de Medio Rural. O encargado de defender a iniciativa foi o deputado Davide Rodríguez, que en días pasados xa preguntara en Comision polo motivo da eliminación dos vehículos oficiais dos axentes medioambientais, das cores específicas, o vinilo coa imaxe corporativa da Xunta de Galicia e o servizo ao que pertencen, así como da non dotación a esa flota de sistemas de iluminación prioritaria e da inexistencia dunha uniformidade regulamentada

Os Axentes Medioambientais ou Axentes Forestais son funcionarios e funcionarias que ostentan a condición de axentes da autoridade pertencente á Administración Pública galega e que, dacordo coa súa propia normativa ten encomendadas, entre outras funcións, as de vixilancia, policía e custodia dos bens xurídicos que conforman o patrimonio natural, e a de policía xudicial en sentido xenérico tal como establece o apartado 6 do artigo 283 da Lei de Axuizamento Criminal, actuando de forma auxiliar dos xuíces, tribunais e do Ministerio Fiscal.

“Eles son un dos piares máis importantes do servizo para evitar que ocorra o que pasou esta pasada fin de semana”, lembrou Davide Rodríguez, que cuestionou o recorte de funcións por parte da Xunta. “Quéixanse da falta absoluta de directrices dirixidas ó colectivo e a inexistencia de coordinadores-enlaces entre as Direccións Xerais e os Distritos e Xefaturas de Conservación da Natureza que “encaucen”, supervisen e dirixan as directrices en cuestión, e que a súa vez, doten ou propoñan aquelas  necesidades de formación e medios técnicos para a realización dos distintos traballos encomendados”.

Para o parlamentario de En Marea é obvio que á Xunta non lle interesa que haxa tantos “ollos especializados” sobre un territorio, onde con carácter xeral, está presente a súa maior base social de votantes. “Canto menos organizados, formados e dotados, mais ambiguedade, deixadez, e por tanto, menos presión sobre os administrados”, denunciou Davide Rodríguez.

A iniciativa de En Marea, rexeitada cos votos do  PP,  solicitaba a integración dos axentes medioambientais no servizo do 112 Galicia e habilitar o corpo de axentes dependentes do corpo de Medio Ambiente de medios de defensa persoal para o exercicio das novas tarefas policiais. A maiores Rodríguez defendeu a necesidade de facer unha campaña institucional divulgativa sobre a labor que realizan, ademais de habilitar un teléfono de atención ao cidadán para denuncias medioambientais. Facer públicas as estadísticas de infraccións e dilixencias xudiciais que realiza o Corpo de Axentes Medioambientais e h abilitar un perfil oficial nas redes sociais como teñen outros corpos adscritos a Consellería de Medio Ambiente completan as peticións de En Marea.