En Marea pide nas emendas aos orzamentos 12,5 millóns para un plan de axudas á edición literaria en galego e tradución de obras galegas

No Día das Letras, o deputado Miguel Anxo Fernán Vello puxo en valor as emendas de En Marea aos Orzamentos do Estado en materia cultural que recollen tamén partidas para o sector audiovisual en galego e para aumentar a partida da RAG en 716.000.
Por o 17/05/2017 | Sección: En Marea,Política,Vigo
En Marea pide nas emendas aos orzamentos 12,5 millóns para un plan de axudas á edición literaria en galego e tradución de obras galegas

O deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, explicou nun día tan sinalado como o de hoxe, o Día das Letras Galegas, as emendas presentadas por En Marea aos Orzamentos Xerais do Estado en materia de cultura e lingua.

Impulsar a edición en lingua galega: 

Así, destacou a partida de 5 millóns de euros que En Marea solicita para un Plan de axudas á edición literaria en lingua galega, en linguas cooficiais. Tamén pide unha partida de 5 millóns destinada a un Plan de axudas para a tradución de obras literarias en galego, e 2,4 millóns para subvencións destinadas á tradución a idiomas estranxeiros de obras literarias escritas en galego.

Fernán Vello considera que “a diversidade lingüística é unha riqueza a impulsar desde as Administracións públicas, en lugar de marxinala. Os libros e a cultura son unha forma de promocionar a nosa lingua, e o intercambio cultural con obras doutras literaturas é asemade un mecanismo de espallar o galego”.

O parlamentar destaca tamén o incremento que En Marea pide para o orzamento destinado á Real Academia Galega, 716.000 euros máis para a institución da lingua galega co obxectivo de que estea suficientemente dotada para levar a cabo o seu importante labor. Para o deputado de En Marea “as nosas emendas pretenden paliar a falla de políticas destinadas a incentivar a diversidade lingüística no estado”.

Partidas para o cinema en galego

Non esquece o deputado de En Marea o sector audiovisual. “Demandamos unha partida de 10 millóns de euros para un Plan de axudas ás producións cinematográficas en lingua galega, catalán e euskera. O eido audiovisual é outro medio de comunicación no que se precisa impulsar a producción en lingua galega”. Para proxectos de investimento en empresas culturais, En Marea solicita 15 millóns de euros.

Fernán Vello indica que pedimos un monto de 15 millóns de euros para a recuperación do patrimonio histórico cultural galego, 15 millóns para a recuperación da Vía Romana Braga-Astorga e 5 millóns para a mellora de roteiros, equipamentos do Camiño de Santiago.

No capítulo museístico e de bibliotecas, En Marea pide diversas partidas para o Museo Marco de Vigo (100.000 euros), para a Biblioteca do estado en  Vigo (100.000), para aumentar a partida do Museo Arqueolóxico de Ourense (2,1 millóns), para a restauración dos  bens do mosteiros de Santa Catalina de Ares (6 millóns).

3 Respuestas a "En Marea pide nas emendas aos orzamentos 12,5 millóns para un plan de axudas á edición literaria en galego e tradución de obras galegas"

  1. Gamela   17/05/2017 at 23:35

    No día das letras galegas, non pedimos tanto, pero sí pedimos TRANSPARENCIA a En Marea e a tódolos membros das Mareas Municipalistas que habitan as institucións en representación da cidadanía…

    Non será moito pedir que nun día sinalado, coma este, algúns rectifiquen e DESBLOQUEEN situacións ridículas que o único que fan é dar unha imaxe NEFASTA da nova política en Galicia…?

    Velaí a miña humilde contribución á transparencia… https://goo.gl/44o7VZ

  2. Gamela   18/05/2017 at 8:21

    Ás veces os comentarios perden a súa frescura cando aparece o rótulo : Your comment is awaiting moderation… especialmente cando a nova é reenviada ás redes sociais…

    Suxiro abrir os comentarios e no caso de que algúns fosen de mal gusto ou spam colocar ao seu autor na lista de moderación para ulteriores envíos… penso que gañaríamos en participación (o modelo Galicia Confidencial non funciona tan mal aínda que ás veces resulte odioso ler algúns comentarios, en xeral a xente aprende a pasar deles…)

    Gracias por EXISTIR !!!

  3. Gamela   19/05/2017 at 8:25

    Outro medio que publica comentarios sen moderación previa é o Galiciaé ?
    http://galiciae.com/noticia/704638/de-lara-cita-conde-roa-como-imputado-por-las-cuentas-del-pp-santiagues