En Marea pide un plan con medidas urxentes contra a praga da pataca

Paula Quinteiro: “Propoñemos actuar a través da comercialización da semente e facer controis exhaustivos nos almacéns”.
Publicado por o día 07/02/2017 na sección de Alimentación,En Marea,Política,Vigo

En Marea pide un plan con medidas urxentes contra a praga da pataca

Diante do avance da praga da couza guatemalteca sen que as medidas decretadas pola Xunta hai case dous anos surtiran efecto, En Marea urxe á administración autonómica a avaliar a dimensión do problema e actuar de xeito inmediato sobre a comercialización da semente e a distribución do tubérculo nos almacéns. “Cómpre facer un inventario de todas as plantacións e delimitar correctamente a zona afectada para evitar que a praga se siga extendendo ata as zonas con IXP Pataca de Galicia, onde hai moitas familias vivindo da comercialización deste produto”, advertiu a deputada de En Marea na comisión de Agricultura, Paula Quinteiro.

As agricultoras e agricultores afectados pola praga atópanse nunha situación de incertidume, pois a día de hoxe non hai controis sobre as plantacións particulares, moitas leiras pequenas de produción para o autoconsumo que non se ven recollidas nas medidas implementadas ata agora. “Hai que intervir na comercialización da semente, facer controis exhaustivos en almacéns e informar aos produtores das medidas de prevención e os riscos”, sinalou Quinteiro, para quen “a Consellería de Medio Rural e mailo Ministerio de Agricultura só se dedican a sementar dúbidas”.

En Marea ve necesaria a publicación inaprazable dun decreto por parte da Xunta de Galicia e o establecemento de axudas compensatorias para os produtores, pois “estamos diante dun problema que pode poñer en risco o sector, polo que require deixar de dar paus de cego e actuar de maneira urxente e decidida”.