En Marea pide que se anule o contrato coa concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro

Publicado por o día 23/03/2016 na sección de En Marea,Política

En Marea pide que se anule o contrato coa concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro

E que se rescate o carácter público do novo hospital de Vigo

En Marea vén de presentar no rexistro do Congreso dos Deputados unha proposición non de lei solicitando que se anule a adxudicación do Hospital Álvaro Cunqueiro á Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo (liderada por Acciona), ao considerar que vulnera a lexislación sobre contratos de colaboración público-privada pois non garante a igualdade na concurrencia das empresas aos contratos do Estado.

A demanda recolle o sentir da denuncia presentada pola Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública co apoio da Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, que entede que esta concensión de obra pública en lugar de asinar unha colaboración público privada trata de evitar por parte da Xunta a fiscalización da Lei de Contratos do Estado, que esixe xustificar cun informe a necesidade de recurrir a financiamento privado para este tipo de obras e servizos.

Un contrato que segundo En Marea se fixo a base de abaratar custes e aplicar recortes que superan o 30% en camas funcionais e quirófanos e máis da metade das camas de Urxencias previstas inicialmente, ademais de rebaixar a calidade dos equipamentos e dos sistemas de protección, tal e como denunciou en numerosas ocasións o propio persoal sanitario. “Estes recortes supoñen unha modificación do contrato, ao que aspiraban outras empresas cuxas ofertas foron descartadas e que benefician a concesionaria privada, á que non se lle diminúe , sen embargo, a percepción do canon do contrato”, alega En Marea.

A maiores, o denominado risco de financiamento de 320 millóns de euros, que por contrato tería que asumir a Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo foi cuberto en gran medida polo Servizo Galego de Saúde cun crédito de 110 millóns do Banco Europeo de Investimentos, que non dá créditos a empresas privadas, e do Instituto de Crédito Oficial, o chamado ICO, que ten por finalidade financiar pequenas e medianas empresas. “Esta manobra supón unha clara vulneración da lexislación da Unión Europea sobre contratos Público-Privados e supón, ao noso entender, unha trama perfectamente deseñada para ocultar o endebedamento do novo hospital, que non se considera público pero é asumido na práctica pola propia Administración”, denuncia En Marea.

As deputadas e deputados de En Marea propoñen recastar o carácter público deste centro hospitalario sen indemnización para a adxudicataria por incumprimento do contrato, que vulnera a Lei de Contratos do Estado español e da Unión Europea sobre Contratos Público-Privados. En Marea tamén plantexa a necesidade urxente de reparar as deficiencias do Hospital Álvaro Cunqueiro e dotar adecuadamente o novo centro sanitario de referencia no sur da provincia de Pontevedra.

PRENSA EN MAREA