O voceiro de En Marea, Luís Villares, saudou positivamente a xuntanza que terá lugar hoxe entre representantes dos gobernos de Galicia, Asturias e Castela e León para falar do corredor atlántico, cuestión que, lembrou, o seu grupo denunciou no Parlamento xa no anterior período de sesións e repetiu no debate do estado da Nación . “Benvidos señores do PP a unha estratexia ferroviaria, a cordura e a estratexia de país, pensar en clave de país dentro do contexto ibérico e europeo. Xa ía sendo hora” declarou Villares.
En Marea leva tempo denunciando que “a irrelevancia política de Núñez Feijóo estaba a deixar fóra a Galicia do debate sobre as infraestruturas no conxunto do Estado e tamén de Europa”. Unha proba disto era precisamente que o corredor atlántico que quedaba excluído dos intereses ferroviarios de Galicia. “Agora e despois das advertencias e denuncias de En Marea parece que o goberno de Núñez Feijóo por fin falará destes tema” afirmou o voceiro de En Marea.
En Marea ten manifestado en diversas ocasións a súa oposición a que o corredor deixara fora Galicia tanto a nivel de mercadorías como de pasaxeiros deixándonos sen conexión a Europa, como estaba a acontecer.
“É moi oportuno falar desta cuestión e aprobar resolucións que non queden no caixón” salientou Villares pero a pesar diso considerou que “é insuficiente” xa que se debería falar tamén do corredor cantábrico para que vertebre a parte norte da península ibérica para dar saída a mercadorías e pasaxeiros cara Europa que é o que precisa o noso país con visión estratéxica.
Así mesmo, denunciou o abandono a liña Feve que “podería estar comunicando desde Coruña ou Ferrol toda a costa galega co resto de costa do Estado e que non o fai pola inacción do goberno da Xunta que podería influír nos orzamentos estatais para potenciar esta infraestrutura e non o fixo”.
Para o voceiro de En Marea “é necesario falar dunha articulación de mercadorías en Galicia onde o porto seco de Monforte ten que ser o grande centro loxístico das mercadorías que chegan por mar, pero Monforte non está conectado cos portos galegos”. Villares explicou que na actualidade Monforte é un grande páramo que non está a ser o que tería que ser, unha vertebración ferroviaria do noso país”.
No mesmo sentido, o voceiro de En Marea explicou que “seguimos agardando pola conexión ferroviaria dos nosos portos pese ao anuncio feito o outro día. A realidade que contradí ao anuncio é que as partidas que se están a falar son ridículas para converter en realidade unhas conexións que debería estar xa planificadas desde a mesma construción da infraestrutura portuaria”.
Outros dos puntos que En Marea considera fundamental ao falar de comunicacións ferroviarias é a liña Coruña-Lugo-Ourense, advertindo que non é “suficiente con electrificala porque ao non levar acompañado ningún tipo de modificación de trazado non poderá incrementar a súa velocidade”, isto é “unha torpeza xa que sería máis útil falar primeiro de crear variacións de trazado para posteriormente electrificalas”.
En canto ás conexións internacionais, Luís Villares apuntou que o Eixo Atlántico debe ser unha prioridade e dentro del “é importante que a conexión de Vigo con Porto sexa unha realidade canto antes”. O voceiro sinalou: “A eurorrexión é tamén un espazo de encontro polo que non se debe excluír tamén a este espazo como pretende Feijóo”. O voceiro apuntou que o goberno debe responder á “sinerxia económica e social e debe dar lugar a que polo menos esta vía teña preferencia ´ hora de elaboración dunha estratexia ferroviaria”.
Noticias de última hora en Vigo