En Marea pide que se resolva con garantías o proceso electoral en Honduras e esixe respecto polos dereitos humanos

Por o 04/12/2017 | Sección: En Marea,Política
En Marea pide que se resolva con garantías o proceso electoral en Honduras e esixe respecto polos dereitos humanos
Compartir en:

O deputado Antón Gómez-Reino rexistrou unha batería de preguntas no Congreso en relación á situación política xerada en Honduras após as eleccións presidenciais do domingo 26 de novembro e a altitude neste proceso do Goberno español.

“E indispensable garantir os dereitos humanos e resolver con garantías o proceso electoral para evitar caer nunha ditadura”, asegura Gómez-Reino en declaracións este luns.

Honduras atópase ao borde dunha crise política e social moi perigosa, especialmente nos últimos días, con fortes enfrontamentos entre grupos da oposición e as forzas policiais, que rematou cun toque de queda e con varios falecidos.

Desde En Marea “rexeitamos a represión que se está a vivir en Honduras e a imposición do toque de queda” porque consideramos que estas medidas “só poden conseguir que se agrave a situación e se criminalicen as movilización lexítimas ante as dúbidas de fraude”.

Após a celebración de eleccións presidenciais o pasado 26 de novembro, o Tribunal Supremo Electoral aprazou o anuncio de resultados varios días pasando a colocar finalmente ao oficialista Juan Orlando Hernández en cabeza.

Ante esta situación, Gómez-Reino pregunta ao Goberon se as eleccións e os posteriores acontecementos “cumpren cos estándares democráticos recollidos nos instrumentos internacionais sobre o procedemento internacional”.

Ademais, o deputado pregunta se, a través da Embaixada da Misión de Observación Electoral da Unión Europea, que estivo monitoreando a campaña, ten información do acontecido e da demora dos resultados.

O Tribunal Supremo Electoral, encargado de realizar o conteo e a publicación dos votos, pretendía anunciar o resultado electoral a mesma noite das eleccións, o 26 de novembro. Nun primeiro momento, co 57% dos votos escrutados, daba a vitoria por unha porcentaxe de en torno ao 5% a Salvador Nasralla, da Alianza de Oposición.

Cando finalmente se actualizou o resultado, varios días despois, púxese en primeiro lugar ao candidato oficialista, Juan Orlando Hernández. Neste momento, cando soamente falta por contar as Actas do Escrutinio Especial, é dicir, as que teñen erros ou son de difícil conteo, Hernández segue en primeira posición por menos do 2%.

Ambos candidatos autoproclamáronse gañadores dos comicios e nesta última semana a tensión social e política foi en aumento, con denuncias de “fraude electoral” por parte de Salvador Nasralla, dado que o Tribunal Supremo Electoral non foi capaz de explicar as verdadeiras razóns do retraso na publicación dos datos ni a explicación do cambio de tendencia.

En Marea pide á comunidade internacional, e en especial á Unión Europea, que estivo presente nas eleccións, que esixan unha aclaración a esta situación e pidan que o Tribunal Supremo Electoral dea unha explicación convincente e con probas materiais do envorco do mércores, así como de todos os acontecementos producidos ao longo desta semana.