En Marea pide á Xunta que elabore un estudo rigoroso e oficial sobre os custes, viabilidades e impacto tarifario do rescate da AP-9

O vicevoceiro de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, defendeu que a marxe de beneficio rexistrada por AUDASA fai pensar que hai marxe para a súa recuperación para o público e incluso para a eliminación das peaxes
Publicado por o día 21/06/2017 na sección de En Marea,Política

En Marea pide á Xunta que elabore un estudo rigoroso e oficial sobre os custes, viabilidades e impacto tarifario do rescate da AP-9

O grupo parlamentario de En Marea presentou na sesión plenaria desta tarde unha proposición non de Lei que será votada mañá, na que se insta á Xunta de Galicia a que no prazo de tres meses elabore un estudo de viabilidade do rescate da AP-9 para o público, contemplando o seu custe económico, o valor económico do rescate, un estudo de viabilidade, o impacto tarifario e as alternativas para o seu financiamento. O vicevoceiro de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, arrancou a súa intervención denunciando a privatización no seu día “a prezo amigo” desta infraestrutura saneada con diñeiro público previamente, sen competencia posible, “un choiazo sen comparación”, decisións que asegurou “teñen moito que ver cando se fala de corrupción” xa que unha vez máis estamos a falar dunha empresa que casualmente foi donante do Partido Popular. “Por esa decisión aínda non respondeu o PP, nin se dignou a pedir desculpas en sede parlamentaria por un dos maiores atracos á cidadanía, atraco que hipoteca o noso futuro” lamentou Antón Sánchez.

Un proceso privatizador levado a cabo polo Goberno popular de Aznar que asegurou a unha empresa privada un negocio suculento, seguro e blindado por moitísimos anos hipotecando o futuro dunha infraestrutura que non ten alternativa e que conecta o litoral galego de norte a sur.

As contas da empresa no pasado amosan unha situación similar ás do ano anterior reflectindo o cobro de 138 millóns de euros en peaxes que deixan uns beneficios para a empresa de 45 millóns de euros despois de impostos. Isto é, 1 de cada 3 euros son beneficios. No 2015 a terceira parte dos dividendos repartidos polas concesionarias no total do Estado corresponden a AUDASA. A taxa de beneficio foi no 2015 do 46,48 por cento e o ano pasado do 43,3 por cento. Iso sen contar con que a empresa subirá as peaxes polo menos un 1 por cento durante os vindeiros 20 anos para pagar as obras de ampliación de Rande e a circunvalación de Santiago.

Pese a este nivel de beneficios a empresa ten en Galicia o menor número de empregados por quilómetro do Estado, 0.37 fronte ao 1,05 da media estatal. Liderando pola contra o número de reclamacións a nivel estatal. “Non nos tomen por parvos. Este negocio non é porque se atopase cunha empresa que xestione moi ben, é simplemente un agasallo do PP” remarcou Antón Sánchez que lembrou que o director xeral de AUDASA segue a ser o mesmo que cando era pública, Andrés Muntaner, amigo íntimo do presidente do Goberno, Mariano Rajoy.

Ante estas cifras o grupo parlamentario de En Marea considera necesario valorar o rescate para o público como a opción máis vantaxosa. O vicevoceiro de En Marea asegurou non entender porque o Goberno galego polo tanto non conta xa cun estudo oficial do custe do rescate, da viabilidade e das alternativas tendo en conta o custe para a Xunta de Galicia e os usuarios e usuarias desta autoestrada. “Como debater sobre si o rescate é positivo e posible se non contan con ningún estudo rigoroso e oficial” preguntou Sánchez que respondeu que “se cadra é porque non vaia a ser que para a xente sexa moi evidente que en realidade vostedes coa súa posición estanlle a regalar millóns todos os anos a unha empresa amiga que saen dos petos da cidadanía”.

Para En Marea a marxe de beneficios desta empresa da cabida tamén a pensar que hai marxe para ese rescate e para rebaixar ou eliminar as peaxes na AP-9. Por todo isto, En Marea presentou hoxe en pleno unha proposición non de lei na que se pide que:

O Parlamento galego inste á Xunta de Galicia a que no prazo de 3 meses se elabore un estudo da viabilidade do rescate da AP-9 para o público, contemplando o seu custe económico, o valor económico do rescate por parte da Xunta de Galicia, un estudo de viabilidade, o seu impacto tarifario para o público e as alternativas para o seu financiamento.