En Marea pide que a Xunta recoñeza o dereito a cobrar a RISGA a persoas que conviven sen relación familiar

Insta á Xunta a que publique o Decreto da Lei de Inclusión social que leva cinco anos de retraso e que remataría coa arbitrariedade e discrecionalidade na aplicación da normativa e para deixar de vulnerar dereitos das persoas pobres.
Publicado por o día 11/04/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea pide que a Xunta recoñeza o dereito a cobrar a RISGA a persoas que conviven sen relación familiar

A deputada  de En Marea Paula Verao trasladou esta mañá á Comisión de Políticas Sociais do Parlamento de Galicia a petición dunha modificación dos mecanismos regulamentarios polos que a Xunta concede a Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), para que dúas persoas que conviven poidan percibir esta axuda.

Vázquez Verao acusou á Xunta de “burocratizar a pobreza” e referiuse aos termos da sentenza nº 389 que o Contencioso Administrativo número 1 de Vigo ditou o 23 de novembro de 2016 contra unha Resolución da Dirección Xeral de Política Social na que se informaba á persoa reclamante de que dispuña de 6 meses de prazo para constituír un fogar independente e que no caso contrarío se procedería a retirarlle a RISGA. A sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo n.º 1 de Vigo é clara no sentido de recoñecer que unha persoa perceptora de RISGA pode seguir cobrando esta prestación ao convivir con outra persoa perceptora, se ambas non teñen relación familiar.

A RISGA en Galicia é unha das rendas máis baixas do Estado (399 €/mes) e con menor cobertura (4,4 persoas beneficiarias por cada 1000 habitantes. 13.848 persoas percibiron unha RISGA en 2015 (datos do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade), fronte ás 132.000 persoas que se atopan en pobreza severa no noso País.

En Marea tamén denuncia que a Xunta estea “aplícando criterios segundo a xefaruta territorial, cando debería ser un procedemento controlado por profesionais dos servizos sociais”.  “As condicións de exclusión dunha persoa non se miden só en índices numéricos, hai que facer unha valoración global por parte de técnicos sociais, non por persoal administrativo, e por iso hai que reforzar os servirzos sociais comunitarios”, defendeu Vázquez Verao, que tamén denunciou que a Xunta leva cinco anos de retraso na publicación do Decreto da Lei de Inclusión Social.