En Marea pídelle ao Goberno que nomee un Representante Especial para o Sáhara Occidental

Publicado por o día 29/04/2016 na sección de En Marea,Política

O voceiro de En Marea na Comisión de Asuntos Exteriores, Antón Gómez-Reino, vén de solicitar no Congreso o nomeamento dun Representante Especial para o Sáhara Occidental, auxiliado por un Comisionado da Cámara Baixa, para impulsar o dereito de autodeterminación e a independencia do pobo saharaui no marco das resolucións de Nacións Unidas.

Para Gómez-Reino “o Estado español , como potencia administradora de iure do Sáhara Occidental está obrigada a manter as súas responsabilidades internacionais para concluir proceso de descolonización do terrritorio e debe estar comprometida coa Misión das Nacións Unidas para o Referendo no Sáhara Occidental (MINURSO). A actual situación pon en risco a paz e a estabilidade na zona que pode ser caldo de cultivo para o terrorismo xihadista e o narcotráfico na rexión”.

Por iso a iniciativa propón que este Representante Especial estableza negociacións coas partes que lle garantan á poboación saharaui o pleno exercicio dos dereitos contemplados no Artigo 73 da Carta das Nacións Unidas e que reforce a cooperación co Reino de Marrocos, a Fronte Polisaria e todos os actores políticos da rexión do Sáhara e do Sahel na loita contra o terrorismo xihadista, o narcoterrorismo e outros fenómenos desestabilizadores da rexión.

PRENSA EN MAREA