En Marea pon o foco nos problemas e oportunidades da sanidade pública nunhas xornadas organizadas para este sábado

As xornadas terán lugar mañá na Facultade de Filosofía de Santiago e contarán con destacados profesionais do ámbito sanitario.
Publicado por o día 12/05/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política,Santiago,Vigo

En Marea pon o foco nos problemas e oportunidades da sanidade pública nunhas xornadas organizadas para este sábado

No Día da Enfermería, En Marea presenta as súa “Xornada de traballo sobre o sistema sanitario público” que se celebra mañá sábado 13 de maio na Facultade de Filosofía de Santiago para dar o debate sobre os principais problemas e retos que debe abordar a sanidade pública galega, vítima dos recortes e as privatizacións das políticas do Partido Popular.

A voceira de Sanidade no Parlamento de Galicia, Eva Solla, destacou a relevancia deste encontro “organizado por compañeiros e compañeiras que loitan cada día por sacar adiante a sanidade deste país, moitas veces en situación de elevada precariedade”, en referencia aos profesionais do ámbito sanitario que forman parte do grupo de traballo de apoio á actividade parlamentaria de En Marea nesta área e que participarán nas diferentes mesas da xornada.

Ademais, Solla lembrou que moitas das propostas que se debaterán forman parte do programa de En Marea e as conclusións contribuirán a enriquecer o debate parlamentario e social sobre “un sistema que perdeu a universalidade e no que as privatizacións están á orde do día”.

Manuel González Moreira, de SOS Sanidade Pública e membro do grupo de traballo de Sanidade, fixo un repaso polos contidos que se tratarán nas cinco mesas en torno ás que se organizará o debate, partindo das privatizacións, que están supoñendo un enorme gasto sanitario sen achegar calidade ó sistema. “É evidente que queren privatizalo todo, incluído o coñecemento”, denunciou Moreira.

A segunda mesa abordará a Atención Primaria como eixo do sistema sanitario público, “pois desapareceu como prioridade das políticas do PP”, cando para En Marea debería cumprir unha función destacada en materia preventiva e como elemento vertebrador do territorio, “pois achega equidade e permite asentar a poboación en condicións adecuadas”.

A controversia das dedicacións exclusivas e incompatibilidades tamén formará parte do programa. “É inconcebible que haxa xefes de servizo na saúde pública que á súa vez teñen clínicas privadas, pois o conflito de intereses é evidente”, sinalou González Moreira, para quen a proposta debe ser que todos os xefes de servizo conten con dedicación exclusiva.

Xa pola tarde, especialistas de diferentes áreas falarán sobre as listas de agarda, convertidas en “campo de batalla político” no canto de seren xestionadas con transparencia e con medidas efectivas para lograr a súa redución e dotar ó sistema dun servizo de calidade.

Na última mesa o protagonismo recaerá no obxectivo de derrogar o Decreto 16/2012, que acabou coa universalidade do sistema sanitario público “retornando a un sistema do pasado, baseado no aseguramento,  e no que non chega con ser cidadán para ter recoñecida a saúde como dereito”.

As xornadas serán clausuradas ás 19.30h da tarde polo voceiro de En Marea, Luís Villares.