En Marea pregunta ao Ministerio polos plans de illamento acústico dos aeroportos galegos

Por o 09/03/2017 | Sección: En Marea,Política,Vigo
En Marea pregunta ao Ministerio polos plans de illamento acústico dos aeroportos galegos
Compartir en:

A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, rexistrou unha batería de iniciativas para preguntar ao Goberno polos Plans de Illamento Acústico (PIA) dos aeroportos galegos.

A execución destes plans ten como obxectivo minimizar as molestias que ocasiona na contorna dos aeroportos o ruído producido polas aeronaves nas súas operacións.

Estes Plans de Illamento Acústico execútanse naquelas vivendas e edificacións de usos sensíbeis (docente, sanitario e cultural que requiran unha especial protección contra a contaminación acústica), que, estando incluídas dentro da envolvente das isófonas do aeroporto correspondente, dispoñan de licenza de obra con data anterior á publicación no BOE da resolución que lle sexa de aplicación.

Segundo informa AENA, para esta cuestión destínase un importe próximo aos 275 millóns de euros, durante o período comprendido fundamentalmente entre os anos 2000 e 2013, pero non facilitan datos con posterioridade a esta data.

Os tres aeroportos galegos teñen unha porcentaxe de execución do PIA moi variado.

No Aeroporto da Coruña o grao de execución é do 22,20%; no de Santiago de Compostela do 82,35% e no de Vigo do 58,64%.

Con todo, non se detalla na información oficial o orzamento ata 2017, unha cuestión pola que pregunta En Marea.

A deputada Díaz tamén inquire ao Goberno polos motivos polos que non está executado o 100% do PIA, así como polas últimas medicións acústicas realizadas.

Outra cuestión importante son o número de inmobles e vivendas que teñen dereito a insonorización na contorna do aeroporto, unhas características que non están detalladas, ademais do número total de vivendas insonorizadas e de solicitantes de insonorización.